Galicia Hoxe
El Correo Gallego
Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Venres 27.03.2009
Portada
 
atrás Engadir a Yahoo a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Engadir a Del.icio.us a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Engadir a Menéame a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

REDE DE CENTROS QUÉROTE

O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais

28.10.2008

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, presentou hoxe o programa Entendo, unha iniciativa a través da cal a rede de centros de asesoramento afectivo-sexual Quérote prestará especial atención ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais (LGBT). O obxectivo desta iniciativa é prestarlle unha atención diferenciada a unha poboación que ten de partida maiores dificultades sociais derivadas da súa orientación sexual, ou da súa adscrición a un sexo que non se corresponde co biolóxico.

Segundo explicou o director xeral de Xuventude, o programa Entendo aglutina diversas actividades de acción directa coa comunidade de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais, favorecendo a súa normalización e a visibilización social deste colectivo, ao tempo que se atende ás demandas específicas que presenta. “Hai unha realidade, a realidade dos mozos e mozas da comunidade LGBT, e hai que abordala”, afirmou Rubén Cela, quen explicou que esta iniciativa preséntase como un novo paso adiante para acadar a igualdade plena de todas as persoas, independemente da súa condición sexual.

Actividades
A rede de Centros Quérote, dependente da Vicepresidencia da Xunta, será o escenario clave da atención especial ao colectivo LGBT. Así, achegaranse os servizos destes centros á comunidade lesbiana, gai, bisexual e transexual de tal xeito que estas persoas saiban que nos centros Quérote tamén son atendidas as súas consultas e demandas.

A rede de centros Quérote potenciará a rede social de cada zona, creando espazos nos que se aborde a realidade do colectivo de LGBT. Promovendo estes espazos de debate e análise poderanse abordar cuestións de actualidade para este colectivos. Ademais, desenvolverase un estudo arredor da comunidade LGBT. Os primeiros pasos daranse cunha análise sobre as formas de manifestación que presenta a homofobia nas aulas dos centros de ensino de Galiza, no marco das actividades que os profesionais dos Quérote desenvolven nas aulas.

Entre as actividades que se inclúen no programa Entendo están as intervencións con nais, pais e titores, promovendo que as distintas orientacións ou identidades sexuais estean presentes no eido familiar, favorecendo así a súa normalización social. Tamén se desenvolverán intervención específicas con profesionais, procurando que estes se impliquen en procesos educativos e de acompañamento e poidan obter coñecementos, habilidades e ferramentas que lles permitan traballar a diversidade sexual do contorno e do grupo, promovendo tamén actitudes empáticas coas persoas lesbianas, gais, bisexuais e transexuais.

Nesta liña hai que salientar un servizo pioneiro que se porá en marcha en Galiza e que consiste no acceso ao asesoramento xurídico de normalización, co que o programa Entendo atenderá a nivel xurídico aquelas situacións nas que os dereitos fundamentais de lesbianas, gais, bisexuais ou transexuais sexa violados.

Galiza, á vangarda
Tal como explicou o director xeral de Xuventude, este proxecto serve para situar de novo a Galiza á vangarda do Estado en materia de asesoramento afectivo-sexual á mocidade, un posto de líder que o país xa acadou coa creación da rede de centros Quérote, que se converteu nun referente a seguir en moitas comunidades do Estado. Neste punto, Rubén Cela fixo referencia ao éxito que os centros Quérote están a acadar, e puxo como exemplo o centro de Santiago, o primeiro dos abertos na rede, que só no primeiro semestre deste ano recibiu máis de 2.000 consultas.

Xornadas Sexuando
No decurso da rolda de prensa o titular de Xuventude adiantou tamén a celebración, o vindeiro mes de xaneiro en Vigo das xornadas “Sexuando”, nas que participarán destacados expertos en educación sexual. Os participantes debaterán sobre as distintas realidades da mocidade e da sexualidade, así como os xeitos de prestar atención á mocidade e as distintas posibilidades dea chegarnos á convivencia de home se mulleres. O Verbum de Vigo será o escenario deste encontro, que se desenvolverá os días 23 e 24 de xaneiro baixo a organización da Rede Galega de Centros Quérote de Asesoramento Afectivo-Sexual.

A posta en marcha dos centros Quérote ten un dobre obxectivo: por unha banda procurar unha atención afectivo sexual completa para a xuventude galega, promovendo a información clara e sen prexuízos e a formación nesta materia; e por outra banda, a creación de espazos de debate e creación de pensamento sexolóxico. Dentro desta finalidade inscríbense as xornadas “Sexuando”.

 
atrás Engadir a Yahoo a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Engadir a Del.icio.us a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Engadir a Menéame a nova O programa 'Entendo' prestará atención especializada ao colectivo de lesbianas, gais, bisexuais e transexuais Chuza esta nova imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade