| ||||||||||||||
Un grupo de científicos que traballaron durante os meses de xullo e agosto no depósito de Chan do Cereixo, en Gondomar, encontraron unha mostra de petroglifos do quinto milenio antes de Cristo, no Neolítico pleno. Porén, as pezas encontradas ata agora na comunidade son de finais do terceiro milenio antes de Cristo e principios do segundo, polo que o achado permite, segundo Villar, "colocarnos uns 2.500 anos para atrás". Nunha rolda de prensa de presentación das conclusións da investigación, a arqueóloga explicou que neste recinto dun millón de metros cadrados se inclúen estruturas "inéditas" na arqueoloxía galega do período neolítico. Tamén engadiu que nas proximidades do achado apareceron os vestixios dunha cabana e dun silo perforado na rocha, que foi utilizado como depósito de cereal. Este contexto arqueolóxico acóutase no espazo mediante un muro rochoso no que existe un espazo para a canalización de augas. Todos estes restos son coetáneos, igual que outras mostras aparecidas, como lascas, unha estela de granito colocada verticalmente e unha landra carbonizada. Cunha orixe máis antiga, do Paleolítico, tamén se encontraron diversos materiais. A pesar de que esta primeira incursión no territorio se realizou durante dous meses, a importancia dos achados que contén fai crer á coordinadora da investigación que "serán imprescindibles cinco anos" de labores. Na súa presentación de onte, a arqueóloga destacou o conxunto formado polo petroglifo, a cabana e o muro, que se encontran no outeiro das Campurras, que pertence a Chan do Cereixo xa se trata dun contexto "inédito" na comunidade. Alí encontráronse restos de carbón que permitiron realizar unha datación exacta mediante o método do carbono 14, que confirmou que estes restos, de máis de 5.000 anos de antigüidade, son do mesmo período. DATOSAs lagoas da prehistoria galega O depósito localizado en Chan do Cereixo é, a día de hoxe, o depósito neolítico máis antigo dos coñecidos na actualidade en Galicia. Actualmente existe un gran descoñecemento das etapas máis antigas da prehistoria de Galicia, e esta circunstancia fixo necesaria a realización desta investigación científica que contribúe a paliar esa escaseza de información. Segundo apuntou a directora da Fundación Barrié de la Maza, entidade financiadora do proxecto, Marta Rey, xa se puxeron en marcha mecanismos de divulgación interpretativa do depósito e do labor desenvolvido neste dende o inicio do proxecto, a través de visitas comentadas, exposicións, accións nos centros de ensino da bisbarra, etc. O proxecto "Investigación Arqueolóxica en Chan do Cereixo" presentado polo Instituto de Estudos Miñoranos -IEM de Nigrán Pontevedra- foi un dos proxectos seleccionados na II convocatoria de proxectos en colaboración da Fundación Barrié de la Maza. DATOSA polos segredos dos solos A metodoloxía empregada na investigación do Chan do Cereixo baseouse exclusivamente nas técnicas de prospección, estudos de solos e recollida de mostras para análise. A prospección iniciouse coa inspección superficial do terreo, o estudo de cortes e a selección de áreas de interese arqueolóxico; posteriormente, procedeuse a abrir catas de sondaxe en lugares previamente seleccionados. Con este traballo o grupo de investigadores puido coñecer o contexto das industrias paleolíticas grazas á presenza dun depósito deste período neste lugar, desprazado por procesos erosivos dende o seu lugar de deposición orixinal ata as áreas nas que na década dos 80 foron recuperadas por Jaime Garrido. A iniciativa de investigación no Chan do Cereixo é froito dunha cooperación entre o Instituto de Estudo Miñoranos de Nigrán e a Fundación Barrié da Maza e supón a primeira escavación na zona. Porén había constancia do valor arqueolóxico da zona xa que o estudoso Jaime Garrido encontrou restos arqueolóxicos de ferramentas na superficie do terreo nos anos oitenta. Segundo apuntou a directora da Fundación Barrié de la Maza, Marta Rey, esta investigación "pioneira" e de "alto risco" encarna a busca do patrimonio de Galicia e está baseada nun rigor científico "garantido". "Abrimos unha caixa de sorpresas arqueolóxicas e un novo volume na arqueoloxía galega". comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||