Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Sábado 10.02.2007  |  Actualizado 00.00
Opinión 
atrás Añadir a Yahoo la noticia O carballo de santa Margarida
Añadir a Del.icio.us la noticia O carballo de santa Margarida
Añadir a Menéame la noticia O carballo de santa Margarida
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

o rodicio do tempo

O carballo de santa Margarida

CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ

Cando vou a Pontevedra e me cadra pasar de par deste vello carballo (na miña terra do Ribeiro empregarían o nome carballa, por grande e vello), sempre me lembro do Padre Sarmiento, xa non por ficar mesmo fronte ó pazo dos seus parentes onde pasou parte dos días de lecer das súas estadías na capital do Lérez, senón por falar del varias veces na súa mesta e, agás algúns traballos, inédita obra. Di, por exemplo: "El mayor árbol que hay en Galicia, y que dudo ceda en copa al citado abedul de Alemania, es el carballo de santa Margarita, que está a vista de Pontevedra, y en uno de sus paseos. Tiene ese nombre por estar consagrado a santa Margarita, que allí se venera en una ermita antiquísima. No dudo que será coetáneo a esa ermita el dicho carballo singular, y prodigioso, y no exageraré si digo que tendrá más de quinientos años".

A continuación refire como se salvara de milagre, non dos furacáns invernais e dos vermes e insectos xilófagos, senón do machado dun "malvado y ladrón cortador" que se empeñara en que o había de talar. A ameaza foi seria, e de non ser pola intercesión do padre Rábago, un xesuíta cántabro residente daquela no convento pontevedrés, hoxe ninguén sabería da existencia da devandita árbore. En agradecemento, segundo conta o noso sabio, daquela aínda os veciños recoñecían o labor do xesuíta: "Aun hoy se le llama allí al Padre Rábago: "El redemptor del carballo de santa Margarita, de cuyo epíteto se gloria, y con razón". E nós, agora tres séculos despois, tamén lle agradecemos o seu interese a prol de tan altruísta causa.

En Galicia quedan algunhas árbores vedrañas, non tantas como quixeramos, merecentes de se conservar, famosas unhas pola lonxevidade e outras pola corpulencia, sobresaíndo en particular os carballos, os castiñeiros e as sobreiras. Entre os primeiros -outro día falaremos das demais-, teñen sona o carballo do Herdeiro nas terras luguesas de Carballedo, que o pé pasa dos once metros de perímetro; a carballa de Eiras (Santo Amaro, Ourense), a piques de morrer dende hai séculos pero cada nova primavera dálle azos para vivir un ano máis, e así leva quen sabe cantos; o carballo da Virxe do Pelete (A Lama), que as regas de viño do Ribeiro que recibe os días da festa da Virxe, o 7 e o 8 de setembro, préstanlle tan ben que está vizoso como se tivese uns centos de anos menos. O de san Bieito do Pegullal, en Salceda de Caselas, o de santa Sabela de Loureiro de Cotobade (do que falaba con agarimo o mestre Antonio Fraguas), o da Magdalena de Vilamarín de Valdeorras, o da Lamela en Pereiro de Aguiar, o de santo Antonio de Viladavil (Arzúa)... O tempo e as enfermidades deron conta non hai moitos anos de dous exemplares excepcionais: un preto do Piornedo, en Lugo, e o de santa Mariña de Augasantas en Allariz.

Verdadeiro monumento da natureza, merecente de coidados como unha catedral románica e, quizais, ata tan ou máis vello ca ela, era un que se atopaba nas terras de Cervantes, que non finou de morte natural, senón asasinado haberá medio século para converter a súa madeira -toda ela puro cerne- en vulgares travesas para termar dos raís do tren, pero non en dez ou vinte: en 152! Mágoa de non conservar tan sequera un toro do tronco para estudar o seu devir vital, consonte cos aneis de crecemento: clima, enfermidades...

Os carballos, como todos os seres vivos, tamén teñen que morrer algún día, pero o malo é cando rematan a existencia sen descendencia por non haber durante séculos quen enterrase de par unhas landras e logo coidase de que as tenras arboriñas fosen arriba, perpetuando así a súa caste nos fillos que, agora, algúns deles poderían contar con descendentes seculares.

comentarios

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia O carballo de santa Margarida
Añadir a Del.icio.us la noticia O carballo de santa Margarida
Añadir a Menéame la noticia O carballo de santa Margarida
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade