Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Martes 09.02.2010  |  Actualizado 13.08
Opinión 
atrás Añadir a Yahoo la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Añadir a Del.icio.us la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Añadir a Menéame la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN

camiño do vao

¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza

O Sr. Callón e a súa Mesa, que non naqueloutra na que participamos cando el era aínda neno, equivócase de novo. Creo que, confundido o cu coas témporas valorará a eficacia dos seus actos no número de cm cadrados de xornal ocupado e no número de reaccións producidas de "mornos", "españolistas" etc., segundo cadre a moda. Mesmo alguén pensará que eu non debería escribir isto, por canto, no fondo, todos estariamos no mesmo lado do turrasoga, só que con matices. Pois non. Ás veces cómpre furgar na raíz, entrar cos cornos e verbalizar o que moitos pensan, para que se vexa que non somos iguais todos os que falamos galego con vontade. E grazas á liberdade na que vivimos podo dicir que me dá vergoña que a única voz organizada que fale, supostamente, en favor da lingua sexa a da Mesa. E penso que desde hai meses, cada vez que a Mesa abre a boca, recuamos. ¿O problema da lingua galega son os materiais da SXPL enviados aos colexios? ¿Os xuíces? ¿Presidencia? Non me fagan rir. ¿Está o galego en peor situación hoxe que hai trinta anos? Se alguén contesta que si, é que non ten nin idea da historia. Falen coa xente. Xa está ben de buscar inimigos fóra. Escoitáballe o outro día a un sabio dicir que aquí non temos unha sociolingüística cuantitativa da recuperación. ¿Cantos nenos hai que levan xa nomes galegos? ¿Cantos comercios hai xa co nome na nosa lingua? ¿Cantas conversas se desenvolven con normalidade en galego en ámbitos que antes eran alleos? A cousa non lles está tan mal como pensa o Sr. Callón. Saia da cuncha, rompa o ovo, tire molida ou xugo, e patee a terra sen orelleiras. De acordo con que hai que poder casar ou testar en galego, pero non é cousa que fagamos todos os días. Vaia ao súper e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á Policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ao médico, a unha oficina, a comprar un coche, ao fútbol, a facer a depilación, ao museo, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo de todos, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade. E se lle fala á xente con boa cara, e se ven que vostede se desenvolve en galego de xeito natural, espontáneo e non forzado, é posible que cambien e lle falen tamén en galego. Os tempos de "Hábleme en castellano", onde é que eles van. Sabemos todos que cómpre aínda facer moito, moito, pero meu amigo, cambiando de ton, e emitindo en positivo. Imos ter que explicarlle á xente o do "deber" no novo Estatuto, en positivo, como oportunidade fermosa e útil e non como imposición ou obriga, dúas palabras que a ninguén atraen.

Fagamos algo de autocrítica tamén, pois os defensores do galego témoslle parte da culpa. O uso da lingua como agresiva arma partidaria -como fai, irresponsablemente, a Mesa- é unha cousa grave, pero non tanto que impida que a xente do común, en liberdade, relacionarse en galego en máis ámbitos ca nunca grazas á vitalidade do pobo e da fala, reforzados ambos pola existencia da democracia constitucional e do Estatuto de 1981, ferramentas que posibilitaron os avances de que gozamos, desde a autonomía ao ensino do galego ou á televisión. Temos tamén culpa, temos. As normativas. Unha escura patente permitiu negar a identidade da propia lingua e aínda encher o peito de medallas, apoiando un hipotético "galegoportugués" actual, ignorando a historia da formación do galego moderno e, sobre todo, a realidade viva e sentida por un pobo a quen se despreza desde un elitismo lingüístico máximo. Chegouse a tolerar que algúns profesores, incumprindo a lei pero mamando do teto da administración, mareasen os seus alumnos e a opinión pública cunha pluralidade de ortografías ilegais e arbitrarias.Tamén outros profesores, se cadra, pecaron de exceso de falla de amor á fala viva e dialectal dos avós, na que se fixaban máis no que había que "normativizar" que no que cumpría aprender. E despois cambiamos ás "grazas" e tamén confundimos a xente. Pero xa está, Marica non chores, non remexamos máis e para adiante todos xuntos. E nestas andamos e os señores da Mesa dan en airear continuamente eivas, imaxinarias ou reais, pensando que así lograremos que o tolleito ande ou o cego vexa. E non é tal. Esa identificación permanente de "galego" como lingua só de problemas é o máis desnormalizador que pode haber. Non é preciso máis que ser un pouco espilido para ver que o que lle convén á fala, é a identificación co éxito, liberdade persoal, optimismo, futuro, concordia e non, por suposto, con derrotas, problemas, fracasos, complexos, represións ou/ e obrigas legais ou éticas. Hailles que gabar a vaca na feira para mellor vendela. ¿Unha denuncia contra o goberno de coalición que acorda facer que figure no novo Estatuto a obriga de coñecer a lingua galega? Cousa de tolos. Sen máis.

Esa Mesa faría mellor en baixar ao mundo das persoas do común, das xentes do urbano e do rural que lles van poñendo nomes galegos ás fillas e fillos, que lles van chamando con nomes galegos aos comercios, restaurantes, tendas, e que seguen usando a súa lingua con vontade e amor. ¿Escoitaron os da Mesa a eses mestres que con ilusión preparaban a campaña de "Entre nós en galego"? ¿Sentiron eses alumnos defraudados porque non tiveron este ano concursos e festa? Diso vostedes non dixeron nada. Era o mundo real. No planeta Terra. En Galicia.

Pensen ben o que fan, e pensen máis no país e menos na súa politiquiña. Digan o que queiran, pero "non no meu nome", como berramos moitos cando foi a guerra de Iraq. Xa abonda de "repunantes" na historia de Galicia. Cómpren máis voces. Máis esforzos. Máis bicos. Que labio máis saboroso ten a liberdade.

comentarios [ 4 ]

jhgj

jghj
28.06.2006 14.31
gfdsgsdfgdfsg

resposta "en positivo"

susana
23.06.2006 13.54
Realmente faime moita graza eso que vostede e o señor Marcos Valcarcel deron en chamar "falar galego en positivo", coma se eses que vostedes tanto detestan e critican o falaran en negativo. Eu non coñezo nada que se faga a prol da nosa lingua que se faga en negativo. Sexa o que sexa.

Invita vostede á xente da Mesa pola Normalización a baixar ao mundo real. Eu non sei se eles están no mundo real, pero está claro que vostede non. Estracto un anaco do seu artigo que di: "Vaia ao súper e fálelle en galego á caixeira. Vaia ao Instituto e fálelle en galego ao profesor. Vaia á Policía e fálelle en galego ao axente. Vai ao bar, á biblioteca, ao médico, a unha oficina, a comprar un coche, ao fútbol, a facer a depilación, ao museo, equivóquese por teléfono, fale con calquera. Vaia onde queira e fálelle en galego a quen queira e, por sorte, grazas ao bilingüismo pasivo de todos, vostede pode vivir sempre en galego, se é a súa vontade." E eu dígolle:

1º Traballo nun hospital, man con man cuns deses profesionais que vostede menta (médicos) e outros moitos profesionais máis cos que segundo vostede xa se pode falar galego sen ningún problema. Un dos meus compañeiros de traballo retiroume a palabra por falar e escribir en galego, e cando preciso falar con el por cuestións de traballo, a súa resposta é "A mi me hablas en español, hostia!". Respóndalle vostede a eso en positivo.
2º Escribo en galego, como digo. Nunhas ordes médicas dun paciente que vai ser operado, escribo: Xaxún para quirófano. Os meus compañeiros danlle o almorzo ao paciente porque non saben o que é o xaxún. E os cirurxiáns, por ter que suspender a operación, montan en cólera, pero non cos que lle deron o almorzo ao paciente, non, comigo, que fun a que escribin "xaxún". "Escribe las cosas en cristiano, no puedes poner ayunas como todo el mundo?" Responda vostede a esto en positivo.
3º O banco onde teño domiciliada a nómina, respostame a un escrito que lles dirixo, e faino coas seguintes frase: "en relación con su consulta y sintiendo las molestias que le hayamos podido causar, le informamos de que en estos momentos, el servicio de correo electrónico sólo está disponible en Inglés y Castellano. Le rogamos nos haga llegar su consulta en uno de estos dos idiomas para que podamos gestionarla." Responda vostede a esto en positivo.

Que se pode falar galego en calquer lugar? Pódolle asegurar que non. Baixe das nubes, sr. Monxardín.

0_0

David Paz
21.06.2006 12.08
Con todo o meu respecto, señor Afonso, o que ten que baixar á Terra é vosté. Semella que a necesidade de "edulcorar" o artigo apagou o seu sentido da realidade. Sen querer entrar no labor da MPNL, cuxo traballo é innegábel, mais case nunca eficaz (feito que non outorga a licenza de os intitular como "repugnantes" -supoño que o vulgarismo "repunante" (sic.) procura esa "agarimosidade" do hibridismo, tan popularista e efectista ás veces-) cómpre apuntar algunhas cuestións que fican tratadas lixeiramente, abeirando, por veces, o absurdo.
1º O problema da circular enviada pola SXPL aos colexios dirixida aos Centros con Segundo Ciclo de Esino Infantil (3 a 6 anos) é que coloca unha serie de condicións para se poderen ministrar aulas de lingua galega ás crianzas que non se lle esixen ao "outro idioma" (permítame que, por unha vez, sexa o español o idioma que vai "entre aspas"). Como vosté comprenderá, ese ciclo é vital para a sobrevivencia da nosa lingua e a vontade política da Consellaría de Educación é nula e danosa neste (e noutros) aspectos. En todo caso, emprázoo á leitura do magnífico artigo de Pilar García Negro no último número de ANT.
2º O problema da reticencia do colectivo de xuíces e fiscais cara ao aprendimento da lingua reflicte a situación de desleixo en que esta deambula nos rexistros elevados do idioma, que é o que a xente, afinal, percebe [b]como modelo a imitar[/b] ou, se se quixer, como nivel ou estado idílico a alcanzar.
3º Está o galego en peor situación hoxe que hai 30 anos? (...) Material "oficialista" hai abondo para o comprobarmos. Só ten que consultar os dados tirados do Atlas Lgco. Galego e contrastalos cos últimos estudos realizados polo ILG, nomeadamente a cargo do Prof. Monteagudo. Os dados falan por si proprios.
4º Que non temos unha sociolingüística cuantitativa da recuperación? É que non sei que recuperación se quere cuantificar. O ILG e a RAG non van facer ese estudo porque non lles interesa constatar a nulidade e vacuidade do seu traballo "científico" a prol da recuperación da lingua. Mais si hai traballos de profesores, lingüistas e filólogos do circuito "marxinal" ou "satélite" que xa teñen visado a cuestión (estudos, ademais, efectuados sobre os proprios estudos oficiais): o dado máis ilustrativo é que, despois dun ritmo aceleradísimo de perda de neo-falantes instalados en galego dende principios de século até hoxe, actualmente só 2 de cada 100 (2 %) rapaces e rapazas teñen, como lingua de instalación ou lingua nai, o galego. Non sei que optimismo ve vosté nisto.
5º Sen ánimo de me estender demasiado neste punto, gustaría de me referir, á chamada que fai vosté para a situación social do idioma, semella que pouco preocupante (nomes en galego, comercios lexendados en galego, interlocucións en ámbitos varios con xente castelán-falante que, através de máxicos mecanismos, mudan de lingua para o galego cando se lles fala "con boa cara... de xeito natural e non forzado [sic.]). En primeiro lugar, o dos nomes é unha moda como calquer outra (véxase Vanessa cando a filla de Manolo Escobar, Chenoa polo que tod@s intuímos, Jennifer e Christian grazas á influenza ianki e anglosaxona, etc.) da que non se poden tirar dados conclusivos a este respecto. O dos letreiros en galego, pois que quere que lle diga, mentres sigan subvencionando tais babioladas... En canto a que a xente muda o seu castelán ante a miña cara de amábel falante de galego, non pode andar vosté máis distraído. A validez da súa percepción particular ficaría automaticamente anulada coa miña percepción, sen mais. Así que non vou a me deter máis neste punto, porén, aínda lle podería falar eu de moitos casos en que a súa torre de marfín viría a emborrallarse: bibliotecas da Universidade, comercios, administracións locais, funcionariado, etc.
6º Por fin, onde demostra vosté, con todo o meu respecto, un maior descoñecemento é na cuestión da normativa. Como adoita acontecer naquela xente que non ten a deferencia de se informar antes de sacar a lingua a paseo, cae vosté en múltiplos tópicos. Dende que o galego ficou instituído legalmente como lingua propia da Galiza (Estatuto de 1980) apenas viu nacer dúas normativas (unha naquela altura, e outra, a actual, do 2003) que por suposto "non inventa nada", senón que corrixe algunhas incoherencias e perfecciona o standard da lingua, a pesar de non resolver algunhas cuestións en que a RAG opta por se non mollar, como sempre. Aludir a un "hipotético galegoportugués" (sic.) volve demostrar a súa escasa formación filolóxica, pois moita máis fortuna habería de ter coñecido (e de coñecer) a nosa lingua de a achergarmos moito máis da nosa lingua irmá, o portugués. Deitar a idea de que o de "grazas" (aínda sen deixar de ser pintoresco o seu uso, do que fai bandeira a TVG por afán "modernista") é un invento duns poucos é descoñecer profundamente o tema do que se está a falar.
Sinto terme estendido, mais hai cuestións que nunca poden deixar de se corrixiren. Unha aperta!

BICOS Á LÍNGUA

jOSÉ VARELA
20.06.2006 12.27
tÍ SABES FRORECER!, "MON JARDIN", ESO QUE HOXE CONTAS ,TRATO DE DICIRLLO Ó CALLÓN CADA VEZ QUE O VEXO, É DARSE COTENADAS CONTRA A PAREDE ESCURA DOS UPEGALLOS, CON AMOR SIGAMOLO INTENTANDO ENTRE TOD@S.

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Añadir a Del.icio.us la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Añadir a Menéame la noticia ¿Mancanza de finezza? Non. È propio sciocchezza
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade