Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Martes 09.02.2010  |  Actualizado 05.00
Hemeroteca 
atrás Añadir a Yahoo la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Añadir a Del.icio.us la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Añadir a Menéame la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”

01.04.2007 Poeta e actriz (1982, A Estrada). Vive e crea en Compostela. A arte para ela é unha aprendizaxe con moitos camiños. É aventureira

CALIDOSCOPIO DE CORES. POR LUPE GÓMEZ

Que cores che gustan?

Gústanme a vermella e a negra, identifícome con elas. A negra normalmente asóciase co escuro, coa morte. Para min é unha cor esbelta, elegante. O vermello porque é a paixón. Cando imaxinas a cor imaxinas un brochazo de vermello, de cores cálidas. A cor é a vida. É mellor imaxinar as cousas en branco e negro se antes contemplaches as cousas en cor.

 

De que cor é A Estrada?

A Estrada é para min importante. Codeseda, a parroquia dos meus avós, é verde. As Quintas, onde viven meus avós, é para min como volver á casa. Bebo moito das Quintas. A zona da Estrada chámase Tabeirós Terra de Montes porque é terra, é monte, é o cheiro a terra cando chove, cando chega a primavera. Hai moitos cabalos, bestas.

 

De que cor é Compostela?

Levo sete anos en Compostela. Non podería dicir unha cor, para min son moitas cores. É unha cidade que vai mudando, que muda contigo. Noto cambios, non sei se por que cambiou a cidade ou por que cambiei eu. Iso é fantástico, porque non te sentes afogada. É un sitio bo para crear.

Que é para ti a poesía?

Unha parte de min, unha necesidade. A vía de expresión que atopei, na que me sinto cómoda. É unha evolución constante. Escribo dende moi nena. Escribín o primeiro libro con 17 anos. Cando volvo a O son da xordeira vexo que son poemas de adolescencia, que metería as tesoiras, pero hai un punto de partida, un fío tensionado que non se soltou, unha esencia.

 

Por que te emocionan as costureiras?

O primeiro contacto que tiven con elas foi cunha bordadora que se chama Marité. Eu pasaba moito tempo na súa casa. Tiña a máquina de coser, unha caixa con fíos de cores... Na Estrada había talleres de costura, vías as costureiras, escoitabas o son das máquinas. É un traballo en soidade, pasaban horas con ese son, pola noite, ten algo que te envolve, ten algo de propio.

Que é ‘Augas Verso’?

Foi unha folla voandeira que naceu na vila da Estrada, ao redor dunha fundación cultural da zona. Xuntámonos xente que escribiamos a miúdo, logramos sacar do prelo algúns números. Foi importante como punto de partida. Hoxe non existe. O meu primeiro recital foi con Augas Verso, recitei dous poemas, lémbroo con moito cariño. Recitar gústame cada vez máis.

 

A arte é interdisciplinar?

Si, porque todo converxe. Dende os novos comportamentos artísticos entender a arte pechada nun contedor xa non é a vía evolutiva. Sempre intento deixar que o meu traballo se intoxique con outros soportes, así é todo máis rico, o que che dá unha disciplina non cha dá outra.

 

Que é para ti ser actriz?

Para min neste momento o teatro está sendo o punto central. Non me formo como actriz buscando unha finalidade concreta. Interésame moito o percorrido, a aprendizaxe, as pegadas que me deixa no eido intelectual e mais no corporal. Gozo do proceso. Agora son unha persoa diferente. Ao estar no teatro entendo as cousas doutra forma. Tes unha implicación maior.

 

Como son as clases en Espacio Aberto?

Carlos Neira, o meu mestre e director da escola, fai que ademais de saír formada como actriz saia formada como creadora. Hai unha vía de traballo moi importante que é no eido corporal. A medida que te formas as cousas saen a través de ti, son xeradas e metabolizadas por ti. É un traballo orgánico, real, material.

 

Por que che interesa Unica Zurn?

No seu libro Primavera sombría ela fai un exercicio que me enganchou. É case que autobiográfico, xorden as dualidades, está a nena, a escritora e a muller real. Crea un universo, atopa un código. Paréceme unha muller propia, que fala cunha linguaxe real e que nos fai entrar de cheo na súa intimidade.

 

Estás a facer un documental sobre Maruja Mallo.

Si, é un dos traballos nos que estou metida agora. Cando fixen o guión realicei partes ficcionais. Ela dá para ficcionar. Rodámolo entre Galicia e Madrid. Maruja Mallo fixo dela mesma unha obra de arte. Chamoume a atención a cantidade de interrogantes que che presenta, nela todo son interrogantes.

 

Es boa cociñeira?

Non me gusta a cociña precociñada. Gústame ir ao mercado de Abastos, tocar a comida, elixir o produto que quero mercar, sentir que eu fago todo o proceso. Sáenme ben as verduras ao forno. Como moita verdura. Gústame moito o pisto. E as cremas de verdura, e as ensaladas.

 

Coidas o teu blog?

O meu blog, Agardando a Godot, converteuse para min nunha ventá que cando quero a abro para comunicar algo, mostrar algo ou facer algún aviso. Gústame traballar con fotografía, poñerlle texto ou non. Faime non estar queda, estar activa, sempre buscando cousas.

 

A vida é unha ‘performance’?

Ese momento que todos pasamos de pensar que a vida é marabillosa vai minguando en min. Agora aprendo a gozar e a valorar as pequenas ‘performances’ que ocorren na vida, nun día. Eses pequenos picos, que se a vida é unha liña, son as chamadas de atención que che avisan de que tes un lugar, de que tes que desfrutalo. O importante é agarrarte a esas ‘performance’ a diario. Sobre todo cando son extraordinarias, non as buscas, aparecen por si soas.

comentarios

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Añadir a Del.icio.us la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Añadir a Menéame la noticia Antía Otero: “Gozo do proceso creativo”
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade