| ||||||||||||||
Estaleiro Editora -un proxecto editorial independente impulsado por unha asociación cultural sen ánimo de lucro-, avanza coa publicación deste ensaio na consecución do seu obxectivo de "difusão de pensamento crítico, com a consciência de que o Reconhecimento pode representar, em palavras do autor, uma contribuição para a construção de uma alternativa política coerente e global, crítica com um processo globalizador que castiga de maneira especial as mulheres, em forma de violência, de exclusão da cidadania plena e de feminização da pobreza, segundo explica nun comunicado. A obra, editada baixo licenza Creative Conmons, pódese descargar gratuitamente do web www.estaleiroeditora.org, ou mercar nos puntos de venda da editora a un prezo de oito euros. "A publicación deste libro é unha aposta valente por parte da editora, xa que é un ensaio, un libro feminista, e escrito en portugués. O que pretendemos é difundir un texto que doutro xeito dificilmente chegaría ás librarías...", comentou Carlos Diegues nunha entrevista. Diegues aborda, na primeira parte desta obra, a evolución do concepto de recoñecemento en distintos autores da historia da filosofía moral. "Nos anos 80 o feminismo iniciou un debate co multiculturalismo. As feministas rexeitaban que se considerase ás mulleres como unha minoría máis, como as minorías étnicas que facían valer daquela as súas demandas en Canadá e Estados Unidos. Porque as mulleres non representan unha minoría, senón a metade da humanidade. As feministas cuestionaban a separación entre o público e privado que relegaba as mulleres ao ámbito do privado, marxinándoas, na práctica, na vida política. Ao criticar o multiculturalismo, as feministas criticaban á vez o liberalismo clásico e a democracia liberal", subliñou Diegues. A teoría feminista asentou, entón, na idea de recoñecemento, a procura da reconciliación entre o público e o privado. "Nancy Frazer foi unha autora moi importante porque defendeu que non abonda cun recoñecemento cultural da identidade de xénero. Non chega con que se respecte o feminino, se o Estado segue discriminando na práctica as mulleres para que poidan ser autónomas no seu día a día. É necesario, segundo Frazer, activar medidas de redistribución económica: acceso ao mercado de traballo en iguais condicións, servizos que permitan conciliar a vida laboral coa familiar... E resumiu isto no concepto de xustiza dual". CONTIDOOs obstáculos para a participación real nos dereitos de cidadanía Se o multiculturalismo definiu a identidade como dereito á diferenza, o feminismo pasou a comprender o recoñecemento das diferenzas como un elemento fundamental da xustiza, entendida na súa dimensión cultural e económica, incluíndo a loita contra as condicións socioeconómicas que relegan as mulleres a unha posición subordinada na sociedade. E desde o feminismo chegouse á defensa dunha democracia radical que vai máis alá da igualdade formal que as actuais democracias liberais recoñecen ás mulleres. "Unha verdadeira democracia é a que amplía o concepto de cidadanía no sentido de que integra unha perspectiva de xénero, é dicir, fai que as mulleres poidan participar realmente nos dereitos de cidadanía en condicións de igualdade, ao garantirlles unhas iguais condicións materiais". E, dado que a subordinación das mulleres é un fenómeno global, "o feminismo ten que ser global. Como non hai unha identidade feminina, senón múltiples identidades femininas, trátase de buscar uns puntos éticos comúns, uns postulados de xustiza social de mínimos cos que homes e mulleres poidan actuar globalmente", concluíu Diegues. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||