vigo
Anxo Quintana quere que Fene constrúa
de novo buques civís
Quintana condiciona o apoio do BNG ao próximo Goberno a que elimine "todo obstáculo para a expansión do sector na Galiza" e a que Fene "constrúa buques civís"
REDACCIÓN . SANTIAGO
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, asegurou onte nunha visita ás instalacións do estaleiro Freire en Vigo que "o noso apoio ao próximo Goberno de Madrid pasa porque apoie o sector naval galego e retire todos os condicionantes que impiden a súa expansión".
Acompañado pola candidata nacionalista ao Congreso por Pontevedra, Olaia Fernández Davila, e outros membros da candidatura ao Senado, Henrique Viéitez e Iria Aboi, Quintana garantiu que o apoio do Bloque ao seguinte Goberno central "vai pasar porque estea en dispor de mover todo obstáculo que existe para a expansión do sector naval na Galiza. Que teña unha disposición positiva e remova todos os impedimentos que existen. O noso apoio pasará porque o estaleiro público de Fene poida volver, dunha vez por todas, a construír buques civís", salientou.
"Apostar polo naval é un acto de intelixencia política"
Quintana tamén lle fixo alusión á situación económica actual sinalando que "este é un acto de intelixencia política para afrontar a nova situación económica, un acto de xustiza co sector naval porque estamos diante dun sector forte, con capacidade de futuro que precisa dunha ación de xustiza por parte do Goberno español para que se coloque na primeira liña".
Neste sentido, o portavoz do BNG lembrou que Galiza é unha potencia na construción naval mundial e ofreceu datos: o sector galego factura 1.700 millóns de euros anuais, o 9% da cifra total de negocio na UE, máis do 1% da produción mundial e máis do 50% da industria do Estado.
Falou da vitalidade dunha industria "que precisa dun acto de xustiza por parte de Madrid". "É o momento de apostar pola economía produtiva, apostar polo naval é un acto de intelixencia política".
Anxo Quintana subliñou que o compromiso do BNG "é continuación do que estamos a facer desde a Xunta. Desde a Consellaría de Industria temos posto enriba da mesa alternativas serias para que Fene faga barcos. Un traballo que deber ter apoio de Madrid". Por iso, puntualizou, "condicionamos o noso apoio ao Goberno central que pasa polo apoio ao sector naval galego porque temos que rematar coa idea do naval asociado ás reconversións. Piden que sexamos competitivos pero non nos deixan producir".
Afirmou que "queremos que nos deixen traballar, que nos deixen producir, que deixen o naval que ten traballadores preparados, que nos deixen traballar e medrar" e enfatizou que o "Estado debe saldar a débeda que ten contraída co sector naval para sermos un país competitivo".
O "Sarmiento de Gamboa", "a xoia da coroa" do estaleiro
Jesús Freire, presidente do estaleiro, explicoulle á comitiva nacionalista o proceso enteiro para a construción dun barco. No estaleiro Freire traballan aproximadamente uns 500 traballadores entre persoal da empresa e subcontratado. No ano 2007 entregaron 7 barcos e para este ano 2008 teñen unha carteira de pedidos de entre 8 e 12 barcos, remolcadores e cargueiros. O pasado ano entregaron o Sarmiento de Gamboa do que o seu propietario dixo que "é a xoia da coroa", e teñen en construción un buque oceanográfico para unha empresa privada do estranxeiro.
SADA
Jorquera describe tres opcións
O cabeza de lista pola Coruña, Francisco Jorquera, interveu, onte nun acto en Sada, xunto a Quintana. Alí, Jorquera lembrou que "un BNG decisivo en Madrid é a mellor garantía de que cando o novo Estatuto de Nación de Galiza chegue a Madrid para a súa tramitación non sexa recortado nin rebaixado".
Jorquera concluíu subliñando que os votantes galegos se poden atopar con tres opcións o 9 de marzo: a que lle pon "veto ao autogoberno" e que aposta pola "recentralización" (PP), o que quere "pechar o mapa autonómico" e que ten unha "subordinación aos ditados de Ferraz" (PSOE), "e a que aposta polo desenvolvemento do autogoberno nacional e que pretende poñer a Galiza ao nivel que Cataluña e Euscadi, a opción que representa un exercicio de autoestima do pobo galego, que é a do BNG ".