| ||||||||||||||
“Cabo Corrubedo –zona na que se sitúa o espazo reservado por Pesca– é un exemplo de conservación secular dunha das últimas paraxes virxes da costa galega e en vez de premiar ese esforzo, a Xunta decidiu castigala”, indica Manoel Santos, representante da Plataforma Ambiental de Corrubedo. A zona designada atópase na contorna do lugar de Teira, un dos sitios máis sobranceiros da vila. Ademais de ser a única zona virxe do litoral ribeirense, é o único espazo agrogandeiro que conserva Corrubedo. “O Corgo é a única zona que conseva leiras traballadas, primordialmente polas xentes do lugar de Teira e máis de Espiñeirido, que aínda manteñen explotacións tradicionais de cereais, millo, produtos hortícolas e unha pequena cabana gandeira, unha riqueza agrogandeira que se perdería coa actividade da piscifactoría”, explica Santos. A isto hai que engadir que os hábitats de interese comunitaria da Laxe-Brava son eminentemente mariños, polo que as verteduras dunha instalación deste tipo contaminarían os areais lindeiros e as zonas de cantís onde se explotan sustentablemente especies de alto valor. A zona de Teira, ó igual que ocorría con Punta dos Corgos, non está incluída na Rede Natura 2000, como o resto da franxa litoral que abrangue dende Sálvora ó Castro de Baroña. Non obstante, o lugar elixido por Pesca lindaría co espazo protexido, afectando ós hábitats de interese comunitaria recollidos no LIC de Corrubedo. “Esta foi a razón esgrimida pola Xunta para desbotar a instalación de Punta dos Corvos”, recorda Santos, quen non entende esta nova decisión. Os veciños de Corrubedo xa anunciaron que presentarán no mes de agosto as alegacións correspondentes ó proxecto, ademais de todas as sinaturas que se logren na campaña de recollida de apoios que se inicia dende hoxe. Primeiro foi o Parque Natural, despois a conserveira, o ano pasado a piscifactoría... Corrubedo é unha localidade que está acostumada a loitar e iso demostrarase nunha gran manifestación que se celebrará este agosto. l
AS CLAVESO primeiro acto, a Carreira do Corgo O lugar elixido para establecer esta “fábrica de peixes” é a contorna do lugar de Teira, unha zona cunha paisaxe de extraordinaria beleza natural, que conserva leiras de cultivos tradiconais, pequenas brañas, toxeiras e uceiras costeiras e unha liña litoral chea de abraiantes cantís de percebe, pedras furadas de cacholas, furnas e praias de croios. Este espazo foi o elixido pola Plataforma Ambiental de Corrubedo para celebrar a I Carreira Campo a través do Corgo. A Carreira pola Defensa da Paisaxe, na que máis de 200 corredores lanzaron un berro pola protección do litoral. A REACCIÓNAdega: “A granxa afecta á Rede Natura” “Que non se coloque a granxa en Rede Natura non significa que non lle afecte”. Tras o anuncio feito por Pesca de que só catro piscifactorías das 22 proxectadas estarán incluídas en zonas protexidas, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) advirte de que a elección de zonas próximas, como a de Teira en Corrubedo, repercutirá de forma moi negativa neses espazos. “Está demostrado que as granxas acuícolas contaminan ó non contar con depuradora nin permiso de verteduras”, asegura Martiño Fiz.
comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||