| ||||||||||||||
"Cando a cidadanía decide saír á rúa baixo pancartas que comezan con SOS..., Salvemos... ou En defensa de... é que algo grave está pasando", asegurou onte Xosé Reigosa, representante da asociación Salvemos Monteferro, quen sinalou que este movemento é un berro colectivo contra iniciativas coma un Plan acuícola e un proxecto de Portos Deportivos que "privatizan e destrúen a costa", contra un proxecto mineiro que "arrasa zonas como o Courel" ou contra unha proliferación eólica que "destrúe o noso medio". "Rexeitamos unha sobreexplotación dos recursos que, ademais de levar a unha depredación do territorio, non repercute no tecido social galego", defendeu Reigosa. Unha situación que para Tino Quintela, coordinador da FEG, obedece a unha "crise dun modelo de desenvolvemento erróneo" que a cidadanía esixe mudar.
"O Goberno non goberna, manda" Un modelo tamén criticado pola actriz e integrante da Fundación Galicia Verde, Mabel Rivera, quen cre que vai "en contra das necesidades da sociedade". Así, denunciou o "abandono traidor" dos partidos que "agora mandan, non gobernan, contra os postulados que antes defendían ó carón da cidadanía a pé de rúa e detrás dunha pancarta". "Nós seguimos en pé, na rúa, como un exercicio de integridade da cidadanía", engadiu. A pesar de que recoñeceu que o abandono dos cidadáns por parte da clase política "non é nada novo", Mabel Rivera asegurou que a situación nunca foi tan grave como agora porque "quedamos sen sitio na oposición". Esta falta de diálogo entre poder e cidadáns tamén foi criticada por Alexandre Carrodeguas, voceiro do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, quen denunciou a "desprotección da sociedade ante un poder político despótico no que a cidadanía depositara todas as súas esperanzas de cambio". Co nacemento desta plataforma sólida, os seus integrantes agardan que os mandatarios muden a postura adoptada ata o momento. "É a primera vez que no novo réxime se produce un movemento tan masivo coma este e queremos recordarlles ós que están no poder os resultados políticos que tiveron estes movementos en anteriores ocasións. Igual que os puxemos, podemos sacalos", manifestou Rivera. De aí, a necesidade de que os políticos escoiten "o que viñan dicindo ata hai pouco". En palabras de Fins Eirexas, de Adega, "queremos respecto pola terra e reivindicamos o papel protagonista dos cidadáns na planificación territorial do país". OS DATOS"Temos desfeitas, non accidentes" "Se algún día pasa algo non será un accidente". Así o advertiu onte Mabel Rivera, con alusión ás consecuencias negativas que trouxo para Galicia a catástrofe do "Prestige". Así, a actriz recordou que no mes de maio entraron 9 gaseiros na ría de Ferrol sen incidentes pero "o día que pase non será unha desfeita, non un accidente, e ese día terán que responsabilizarse dela". Unha situación que equiparou á deterioración dos ríos, das lagoas ou do litoral. "O que non pon medios para remediar que se produza unha nova catástrofe, é o culpable cando chegue", setenciou. Información en Terr@ctiva Representantes dos máis de 60 colectivos que integran a Rede Galiza non se Vende estarán presentes hoxe e mañá en Arzúa, no marco da feira ecolóxica Terr@ctiva a través de tres stands. O obxectivo é proporcionarlle á cidadanía información sobre os diversos problemas que afectan ó noso territorio. "Non actuamos baixo un sentido de egoísmo local, senón coa necesidade de cambiar as nosas relacións co medio, os recursos naturais e outros países", recordou Tino Quintela, da FEG. Manifestación en febreiro Como continuación a este presentación, a Rede Galiza non se Vende convoca unha gran manifestación en Santiago de Compostela para o próximo 17 de febreiro en defensa do noso territorio. Ata entón, a plataforma apoiará e participará en todas as accións reivindicativas que leve a cabo calquera colectivo en defensa dos recursos naturais. "A rede segue crecendo e chegará o día en que os políticos teñan que abrir as portas dos despachos e comezar a escoitar o que antes defendían". AS FRASESXosé Reigosa "Esta Rede pretende artellar, unir, compartir experiencias e brindarlles apoio ós diversos colectivos que loitamos polo noso país" Mabel Rivera "Chegará un día en que os políticos teñan que abrir as portas dos despachos e comecen a escoitar o que eles defendían ata hai pouco" Tino Quintela "Non actuamos egoistamente. Seguimos o principio "Pensa global, actúa local" para botar abaixo un desenvolvemento erróneo" comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||