| ||||||||||||||
¿Cara a onde imos coa pesca de baixura e a pesca artesanal? Imos poñer en valor os nosos produtos, porque a súa altísima calidade está sen recoñocer. Empezamos a ter marcas de calidade rexistradas. Imos cara á diversificación, para que a pesca extrativa sexa compatible con outras actividades vinculadas ó mar que xeren ingresos, como é o turismo mariñeiro. Imos á implicación da pesca artesanal no coidado do medio. Estamos creando reservas mariñas e repoboándoas de especies autóctonas de alto valor comercial. Camiñamos cara á calidade, á diversificación e ó coidado do medio mariño.
¿Para que PescadeRías? Trata de poñer en valor os produtos das nosas rías, pescados con artes artesanais, respectuosas con medio mariño. Así cando os cidadáns van ó mercado ou ó restaurante poden escoller entre un produto das nosas rías e calquera outro de calquera outra procedencia. É evitarlle o fraude ó consumidor, identificar os nosos produtos e darlles máis valor.
As conservas galegas xa non son só das nosas rías. ¿Non si? Na conserva galega hai produtos que son exclusivos de aquí. Estanse a facer cousas moi ben feitas por parte dalgunha conserveira. As latas poden levar no seu exterior a lenda de que ese produto é de PescadeRías. É o mesmo que coa denominación de orixe Mexillón de Galicia.
¿Hai que ordenar os mútiples usos que pesan sobre as rías? O ideal sería acertar en como combinar espazos para o deporte, a pesca, o turismo, outro tipo de actividades e o asentamento poboacional. Desde o Goberno galego o que se está a facer co Plan do Litoral, incluso co Plan de Acuicultura é que os distintos usos poidan ser compatibles. Estamos cun proxecto moi bonito, liderado por nós, no que participan unha rexión de Irlanda, unha de Canadá e outra de Noruega, xunto con Galicia, para estudar como facer uha boa xestión integrada das zonas costeiras; como respectar os seus usos, tradicionais e non tradicionais; como favorecer un desenvolvemento sustentable.
¿Como van os plans de saneamento das rías? Non é o mesmo que a auga sexa apta para o baño que para a cría de moluscos. Neste caso, a presenza de coliformes fecais ten que ser moi baixa para que as zonas sexan declaradas aptas. Aínda que as obras para a depuración das augas residuais dependen da Consellería de Medio Ambiente, nós colaboramos estreitamente con ela. Prevemos que ó cabo do 2010 ou no 2011, poidamos dicir que temos as rías saneadas, con sistemas de depuración terciarios -utilizando raios uva e ozono-, que garanten unha calidade das augas óptima para a cría de bivalvos. ¿En que fase están o Plan de Acuicultura e a Lei de pesca? O Plan de Acuicultura atópase na fase do informe de sustentabilidade por Medio Ambiente, que está a piques de rematalo. De aí pasará a Política Territorial, para o informe urbanístico, e finalmente irá ao Consello de Xunta. En pouco tempo estará aprobado. A Lei de pesca acaba de pasar pola Comisión de Secretarios, e pronto entrará no Parlamento para o seu debate e aprobación.
¿Que destacaría do Plan de Acuicultura? O especial coidado das consellerías implicadas (Pesca, Medio Ambiente, Política Territorial, Cultura, Medio Rural, Industria) e o Ministerio de Medio Ambiente en seleccionar zonas non protexidas ambientalmente, sabendo que en Galicia a ocupación de espazos protexidos por Rede Natura é máis baixa que noutras autonomías e hai perspectivas de que sexan ampliados. No Plan, as esixencias ambientais para as novas instalacións son moi estritas. Garantimos que a calidade das augas sexa óptima, o impacto paisaxístico mínino, e se utilicen enerxías alternativas para o funcionamento das plantas. Os parámetros de respecto ambiental son, comparativamente, o 200% do Plan anterior, no que practicamente todas as plantas acuícuolas estaban en espazos de Rede Natura. Pretendemos desenvolver a acuicultura e que, cunha produción estimada a 15 anos de 25.000 toneladas de peixes planos, Galicia manteña o liderado en saber facer e en investigación. Temos magníficos investigadores nas universidades galegas e nos centros de investigación da Xunta e do Estado, traballando en proxectos de investigación acuícola recoñecidos internacionalmente.
¿Se é así como vostede o conta, daquela a qué se debe o rexeitamento que provoca o Plan nas organizacións ecoloxistas? As organizacións ecoloxistas saben que non é certo que o Plan de Acuicultura agrida o medio. Eu entendo que haxa persoas que viven nunha determinada zona e non lles guste que alí se poña un planta de acuicultura. E enténdoo máis vendo o que se facía ata de agora nalgunhas instalacións. Pero un Goberno non pode funcionar pola subxectividade de que alguén non lle guste unha planta de acuicultura: ten que traballar para promover o desenvolvemento industrial desde o respecto polo medio.
¿Que novidades achega a Lei de pesca? É unha lei moi ampla, que recolle todo o que lexislatura en materia de pesca en Galicia. As cinco leis vixentes serán derrogadas ó seren integradas na nova lei. Marca os trazos grosos de por onde debe ir a pesca do futuro. E recolle unha serie de apartados totalmente novidosos, como o turismo mariñeiro e as figuras de protección ambiental do mar: as áreas mariñas protexidas, os arrecifes, as reservas mariñas, etc. E trata de harmonizar e simplificar a burocracia.
¿Tal é como vai o mundo, as confrarías teñen sentido? En Galicia hai 62 confrarías, son demasiadas. O sector artesanal non dá para mantelas todas, dependen moito da Administración. Teñen que coller carácter de organización empresarial para ser efectivas no servizo ós seus asociados. Encargámoslles á Federación Galega de Confrarías e as Federacións Provinciais que estuden como organizarse mellor, fusionarse algunhas, etc. Na Lei de oesca introducimos criterios de igualdade nos órganos de goberno.
¿As lonxas cumpren o papel de fixar prezos en favor dos pescadores? A comercialización da pesca en Galicia é unha materia pendente. Ata que chegamos nós ó Goberno, era obrigatorio facer a poxa da venda á baixa. Nós liberalizamos o sistema e permitimos outras fórmulas de venda para que os produtores pensen en como poñer en valor os produtos. Pero cústalles avanzar nese sentido e asociarse para facer estruturas máis grandes de comercialización. Para ofrecer un produto tes que ter un volumen determinado del.
¿A remuneración á parte condiciona a modernización das relacións laborais na pesca? A desregularización laboral que hai na pesca é unha eiva importante para todo. Para o mariñeiro, porque lle complica a vida persoal, incluso a efectos de pedir un préstamo. Para o sector de cara a atraer xente que queira traballar nel, porque as condicións laborais resultan moi pouco atractivas para unha actividade dura e perigosa. Ó inicio desta lexislatura empezamos a traballar, a través do Consello Galego de Relacións Laborais cos sindicatos e os empresarios da frota de arrastre do litoral para que fagan un convenio marco, pero aínda non conseguiron poñerse de acordo. Seguirémolo intentando.
¿Avanzouse na aplicación das normas de seguridade? Pesca e Traballo puxemos en marcha un programa de riscos laborais para o sector pesqueiro. Fixemos máis de 300 das 400 inspeccións programadas en 33 portos de Galicia, e en practicamente todas elas hai algún incumprimento cos estándares de prevención de riscos laborais. Non hai unha cultura da seguridade. Facemos un labor de concienciación: programas de formación; entrega de chalecos salvavidas; fixemos un congreso internacional con pescadores e institucións doutros países para que viran como se traballa noutros sitios. Pero necesitamos correpondencia pola súa parte.
¿Cos prezos dos combustibles tan altos imos a un escenario de redución da frota pesqueira? Se nos organizamos ben non hai porque facer as reducións masivas que está a pedir un segmento do sector. A miña prioridade política non é despezar frota. Para a frota artesanal temos unha solución co gas natural, pois conséguense aforros entre un 30 e un 49 por cento; estamos na fase de implantalo nos barcos e distribuílo nos portos. Nese mesmo proxecto Peixe Verde, que participa o Centro Tecnolóxico de Celeiro, traballamos nun motor dual, para gas licuado e fuel, máis enfocado ás frotas de arrastre litoral e Gran Sol. Son enerxías máis baratas e menos contaminantes. E haberá modelos de aforro de enerxía nos barcos: un manual de boas prácticas.
¿O problema do maior custo da enerxía xúntase co dos prezos baixos dalgunhas especies? En determinadas especies temos un problema de prezos estancados en orixe. A solución está nas políticas de comercialización e en ordenar a actividade nalgúns segmentos da frota.
¿En cales? Para a frota do cerco estamos elaborando una plan estratéxico. Quizais a solución máis fácil fose reducir unidades, pero se se pode hai que escapar de empregar o diñeiro público en destruír empresas. E en vez de dirixirse a un só recurso, as especies peláxicas, como ata agora, hai que buscarlles un abano de posibilidades e outras pesqueiras de forma complementaria. O mesmo pódese aplicar á frota do palangre e a aquela outra frota que anda en augas internacionais.
¿Precísase dalgún tipo de acción internacional para facerlle fronte a situacións como o secuestro do "Playa de Bakio"? Pois entendo que si. Hai que conseguir unha resolución de Nacións Unidas, co fin de crear un organismo multilateral contra a piratería no mar, porque a nivel individual de cada Estado esa misión sería inabordable, dada a extensión que ten o mar. O PERFIL¿Como acolleu o teléfono móbil? Ben. Adapteime sen maiores problemas. O único recordo estraño que teño del é que ó principio eran uns aparatos excesivamente grandes e pesaban moito. O móbil é unha forma de estar más preto, tanto no plano persoal como no profesional.
¿Que opina do PC portátil? A verdade é que o uso moi pouco. Gústamel máis o fixo, o de mesa, para traballar, porque ten unha pantalla grande e un bo teclado. O portátil o uso cando vou de viaxe, para leer o meu correo electrónico e para estar ó corrente dos temas.
¿En que lecturas anda? Pois acabo de leer un cómic, "Persépolis", dunha rapaza iraniana, Marjane Satrapi. É a súa autobiografía de cando era estudante en Irán e logo tivo que abandoar o seu país debido ó fundamentalismo relixioso. E teño encima da mesa, que aínda non o comecei a ler, o último libro do escritor barcelonés Eduardo Mendoza, "El asombroso viaje de Pomponio Flato".
¿Con que frecuencia vai ó cine? Vou moi pouco. Encántame, pero agora opto máis por coller películas de vídeo e velas na casa. Teño pouca dispoñibilidade horaria par ir ó cine.
¿E ó teatro? Non adoito ir ó teatro.
¿Que tipo de musica prefire? A música gústame toda, excepto a música moi dura e ruidosa, como o hevy metal. Adoitaba ir coa miña filla a concertos de música clásica de Caixanova en Vigo e Pontevedra, pero a miña filla agora está fóra e eu non teño oportunidade. Gústame moito a música clásica.
¿Cales son as súas preferencias en arte? O impresionismo. Sobre todo o impresionismo ruso; Kandinsky e os outros.
¿Que tal leva o da conciliación da vida familiar? Mal. Teño a sorte de que a miña familia está afeita ó meu ritmo de vida e me entende, pero a verdade é que se perde moito o contacto coa familia.
¿A onde lle gusta viaxar por pracer? A África. Ese é o meu continente. Eu creo que debería haber nacido alí. Gústame África e sufro África. Cando vexo as condicións en que vive a xente me conmove moito. Gústame a luz que ten e encántame a súa xente.
¿Vostede cociña? Gústame cociñar. Recentemente, foi o meu cumpreanos (eu nacín un 14 de abril, o mesmo día que a República), e o domingo anterior tiven dezaseis invitados na miña casa, e cociñei para eles. Fixen un guiso de peixe sapo con patacas novas e ervillas da casa (que así lle chamamos nós, os do sur, ós chicharos).
¿Que é o mar para vostede? A min o mar prodúceme sempre unha sensación de paz. Gústame moitísimo ver o mar, gústame escoitar o ruído do mar de noite. Isto é o primeiro que me ven á cabeza. Para Galicia, o mar significa unha forma de vida; é unha cultura, un patrimonio que temos os galegos arredor do mar e da vida na ribeira do mar. É a nosa riqueza, tanto material como inmaterial. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||