| ||||||||||||||
Cun espigón de 180 metros de lonxitude e capacidade para 400 barcos, o peirao ameaza, segundo os manifestantes, con "cambiar o sentido das correntes da ría afectándolles seriamente ós bancos marisqueiros e ó medio de vida de centos de familias", de aí esta guerra, indicou o patrón maior da confraría de pescadores San Xosé Evaristo Fernández. A bordo dunha das case 200 embarcacións que se concentraron ás once da mañá preto da zona do Salgueirón, proclamou a xornada como un "éxito", que tivo a súa réplica en terra cunha concentración convocada por A Ría non se Vende e o Foro Social de Cangas. Posteriormente, a protesta trasladouse á oficina central de Caixanova na vila do Morrazo, para mostrar o rexeitamento ante a presunta contratación dunha empresa por parte da entidade financeira para retirar pancartas sobre a súa implicación no proxecto do porto. "Isto é moi grave, é ir contra a liberdade de expresión. Ademais, poñía Caixa rouba e se se dan por aludidos, por algo será", indicoulle a este xornal o voceiro do Foro Social Tiago Pérez.
Lanzamento de ovos contra o consistorio A continuación, acudiron ó Concello onde algunhas persoas lanzaron ovos mentres a maioría pedía entrevistarse coa alcaldesa do BNG, Clara Millán, con nulo éxito. Entre os participantes na mobilización atopábase o edil de Urbanismo, Mariano Abalo, socio díscolo do goberno municipal. O único "borrón" do día para os convocantes foi a presenza dos parlamentarios do BNG Teresa Táboas e Bieito Lobeira, que recibiron os apupos dos presentes. "É unha postura hipócrita que amosa a dobre cara deste partido", denuncia Pérez. "A solución a este conflito téñena eles na man porque poden paralizar o porto a través da alcaldesa. Antes estaba en contra pero desde que está no poder cambiou de opinión", censura o Foro Social de Cangas. Para os cidadáns, Clara Millán "vai de vítima e bótalle as culpas a Corina Porro, pero é ela a que ten enriba da mesa os papeis que poden pórlle freo a esta pelotada urbanística escandalosa". Os manifestantes están satisfeitos do rumbo que están a tomar os acontecementos e cren que se están poñendo "as cousas no seu sitio e a xente está a coñecer o que sucede nesta actuación fraudulenta sen licenza municipal de ningún tipo" .
Valoran o ánimo conciliador da Xunta Veciños e mariñeiros valoran o ofrecemento da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, a analizar os documentos e abrir unha mesa de debate porque antes, polo menos, "Carmen Gallego non quería nin oír falar de Massó", indica Tiago Pérez. Ó respecto, o patrón maior de Cangas amosou a disposición deste colectivo a "escoitar a Administración", aínda que a Xunta pediu que se rebaixe a tensión. "A única maneira de rebaixala é que se dea algún paso para paralizar as obras, pero non fan constar a súa ilegalidade, nin outras irregularidades", apuntou. Evaristo Fernández pediulle ademais á promotora "que recapacite", coa advertencia de que "o recheo do porto non se vai facer", e ós representantes políticos que "escoiten ó sector porque "a barbaridade que se pretende facer nesta zona de Cangas vai danar todos os recursos pesqueiros da ría".
AS FRASESEvaristo Fernández "O peirao de Massó pode cambiar o sentido das correntes da ría afectándolles seriamente ós bancos marisqueiros e ó medio de vida de centos de familias" Tiago Pérez "A solución a este conflito tena o BNG porque poden paralizar o porto a través da alcaldesa. Antes estaba en contra pero desde que manda cambiou de opinión" comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||