actuacións dubidosas
PPdeG e bloque queren que se investiguen as compras de votos entre os emigrantes
Un candidato socialista admitiu que propuxo pagar para lograr apoios en Bos Aires
REDAC E AXENCIAS . SANTIAGO/BRASIL
Os portavoces parlamentarios do PPdeG e do BNG, Xosé Manuel Barreiro e Carlos Aymerich, respectivamente, afirmaron onte que a Fiscalía debería actuar de oficio para investigar posibles actuacións “irregulares” de cargos públicos na emigración. Desta forma referíanse ó candidato socialista á alcaldía de Vila de Cruces (Pontevedra), Javier Castelo, quen antonte admitiu que propuxo pagar para recadar votos en Bos Aires, tal e como denunciaron os populares.
“Isto é moi grave e demostra que en campaña electoral vale todo”, sinalou Aymerich, quen anunciou que o BNG traballará, tanto no Parlamento como no Congreso, para evitar que circunstancias como esta, ou como a solicitude do voto rogado por parte de alcaldes do PPdeG en varios actos celebrados en Arxentina e Uruguai, “se repitan”.
Así, considerou que ademais de iniciativas parlamentarias deberían intervir “outras autoridades”, en alusión á Fiscalía, para “depurar responsabilidades políticas e xudiciais”. Ademais, insinuou que, ata o BNG podería pedirlle a este órgano xudicial que actúe. “Hai compras de voto cunha sardiñada e coa suplantación da vontade do elector e isto sábese e tolérase”, dixo e manifestou que o BNG non vai estar “calado” ante este tipo de prácticas.
“Se se dan compoñentes delituosos tería que actuar”, agregou o deputado do PP Xosé Manuel Barreiro, ó referirse ó caso de Vila de Cruces, “así como noutras actuacións, aínda que logo non revistan importancia”. Barreiro insistiu en que a información “recollida nos medios e avalada documentalmente”, sobre o socialista de Vila de Cruces sexa estudada pola Fiscalía para que “se adopten as medidas oportunas”. “Non é admisible utilizar prácticas comerciais para captar votos”, recalcou.
O portavoz parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, sinalou que “non comparte” a opinión de que a Fiscalía investigue a Javier Castelo. “Se o fai será para tratar de xustificar algo”, dixo sobre a petición do BNG. O socialista insistiu que o PSdeG “non trata de comprar votos” dos emigrantes, senón de “incentivar” que haxa persoas que expliquen o proxecto socialista en diferentes países. “Temos a xente buzoneando e hai quen o fai de forma altruísta”, engadiu. No entanto, e ante a pregunta de que aínda non comezou a campaña para enviar información electoral, aclarou que se fan outras actuacións “propias da precampaña”.
Ademais, reiterou as súas denuncias contra o PPdeG ó que acusou de “secuestrar” os votos en varios actos realizados por alcaldes deste partido en Bos Aires e Montevideo, nos que se lles solicitaba ós emigrantes unha copia dos seus pasaportes para tramitar o voto rogado. “Iso é o que fixo o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, con diñeiro público”, criticou.
Barreiro negou que tanto na visita de Louzán como na doutros alcaldes, como os de Bande, Sada ou Salceda, se pedise o voto rogado. “Está dentro do que son as canles legais”, defendeuse, aínda que insistiu en que censurarán outro tipo de medidas “irregulares”, que “por agora teñen unha patente, a do PSdeG”.
Así mesmo, criticou a viaxe que estes días realiza o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, a Brasil e recordou que, cando socialistas e nacionalistas estaban na oposición, tachaban as visitas do daquela presidente Manuel Fraga a América do Sur de “actos electorais. “Resulta que antes o eran e agora non”, ironizou. “Son actos diferentes porque Touriño non participa en ningún acto do PSOE, mentres que Fraga era presidente pola mañá e líder do PP pola tarde”, respondeu Rego.
Neste sentido, criticou ó presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, e recordoulle que “agora non funciona a política do polbo e a empanada”, que favorecía Fraga.
Malia todo, os tres partidos coincidiron na necesidade de activar mecanismos que permitan eliminar as “irregularidades” no voto emigrante e mostráronse favorables do voto en urna.
O ALCALDE DE SANTIAGO ESTÁ EN ARXENTINA
Bugallo, visitante ilustre de Mar de Plata e Avellaneda
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que está de viaxe en Arxentina, foi nomeado “visitante ilustre” polos responsables municipais das cidades de Mar de Plata e Avellaneda (Arxentina). Sánchez Bugallo reuniuse coas autoridades locais de Mar de Plata que, tras entregarlle a chave da cidade, declarárono “visitante ilustre”. O rexedor aproveitou para invitar os responsables desta cidade arxentina a que visiten Santiago, á vez que resaltou “a importancia que Arxentina tivo na historia de Galicia, unha importante terra de acollida de moitos galegos emigrantes”. Sánchez Bugallo tamén se achegou á cidade de Avellaneda, onde foi recibido polo intendente Baldomero Álvarez, neto dun galego, e pola corporación. Nesta cidade tamén foi declarado Visitante Ilustre e visitou o Centro Galego de Avellaneda.
Último día de viaxe
Touriño e Wagner propoñen irmandar Galicia e Baía
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o gobernador do Estado brasileiro de Badía, Xaques Wagner, acordaron onte impulsar o irmandamento de ambas as comunidades, a iniciativa de Javier Alfaya, fillo de descendentes galegos que ocupa un cargo de deputado no parlamento brasileiro. O presidente da Xunta, que onte concluíu a súa visita de cinco días a Brasil, foi recibido polo Gobernador baiano, quen foi invitado por Touriño a visitar Galicia, o que aceptou.
Wagner apuntou que a audiencia foi un primeiro contacto que confía en que poida “multiplicar” os vínculos culturais e empresariais entre Galicia e o seu Estado. Ademais, o gobernador anunciou que, de acordo con Touriño e tras a iniciativa do deputado baiano de orixe galega, impulsarán o irmandamento de Galicia con este Estado brasileiro e o intercambio de estudantes.
Tras destacar os vínculos culturais con Galicia e a presenza da emigración galega neste estado, así como que no seu Goberno conta con varios secretarios descendentes de emigrantes de Galicia, Wagner apuntou as similitudes políticas co presidente da Xunta xa que, afirmou, como el, accedeu ó Goberno ó derrotar un Executivo conservador que estivo no poder 16 anos.
O presidente da Xunta indicou que comparte co gobernador o “proxecto político e ideolóxico” de ter como obxectivo o progreso e o benestar dos cidadáns. Pérez Touriño informou de que tratou con Wagner, nunha entrevista “cordial e extensa”, a posibilidade de cooperación nos ámbitos cultural e económico, así como a posibilidade de crear unha base de aprovisionamento para os barcos españois e galegos que pescan preto das augas brasileiras.