hórreo do pobo
O ficticio oficio dos facedores das leis
Outra subxectiva lei para protexer a beleza de Galiza ·· Manuel Ruiz Rivas persevera na súa estratexia para dividir os dous grupos do Goberno
POR MANOEL SANTOS E X.M. ALBÁN
 |
Anxo Quintana, emparedado entre socialistas, non puido dar explicacións sobre a paisaxe de Lourizán (esquerda). Manuel ‘Pachi’ Vázquez defendeu a creación doutra lei de protección da natureza (arriba). Directo á prensa lanzouse o voceiro do PP
|
Teima o Goberno dos compartimentos estancos -tal cal coma o Titanic- na creación de normas de protección ambiental, como se a súa simple existencia garantira a conservación da natureza. Mais evidentemente non é así, por moito que o conselleiro Manuel Vázquez saíra onte a dar lectura, sen levantar cabeza, dunha proposta de lei da paisaxe que disque pretende protexer e catalogar a beleza de Galiza. Traballo en balde. Dígoo porque o valor da paisaxe non é medíbel, está rexido pola subxectiva sensación da beleza. E ademais a obxectividade da protección ambiental, que é a riqueza de biodiversidade, o estado de conservación de hábitats e ecosistemas, ou da flora e da fauna, xa está lexislada mil veces. Ou van agora as súas señorías a mergullarse no utópico labor de definir a fermosura? E non son a costa do Pindo en Quilmas, o cabo Corrubedo ou a veiga mareira de Merexo, todas ameazadas por megafábricas de peixe, redutos de fermosura? E o río Lor, os altiplanos do Eixe ou mesmo a leira pataqueira dun meu veciño, non son esas paisaxes senlleiras?
Leis habelas hainas si, mesmo unha de medidas urxentes que din protexe o litoral, pero para o cidadán non político, o de a pé, non teño dúbida que dá a impresión, e esta non é subxectiva, de que a beleza natural da terra nosa, dende o Courel furado até o litoral enladrillado e dende a Mariña residencial á Groba eólica esmorece cada día máis. Digo eu se non abondaría con aplicar a eito a Lei de conservación da natureza que dende 2001 serve para crear espazos protexidos, e que contempla non só Parques Naturais, senón tamén Monumentos Naturais, Humidais Protexidos e mesmo Paisaxes Protexidas. Si, paisaxes.
Concluiremos pois que as súas señorías fan ben o seu traballo, xaora que son o poder lexislativo e lexislan sen paranza. Porén, cando as leis hai que aplicalas, cando lle toca ao poder executivo, a súa incompetencia é manifesta. E máis tendo en conta que a realidade é que hoxe o Goberno lexisla e executa. División de poderes, chámanlle.
Deste xeito, onte asistimos a un cativo e se cadra inútil debate sobre a espiritualidade da paisaxe entre o conselleiro Pachi -chámanlle o sucesor-, o popular Castiñeira Bruz -coa súa preceptiva emenda á totalidade-, a nacionalista Ana Pontón -coa súa tamén preceptiva cita de Castelao- e a rosada, e moi cabreada, Laura Seara. Todos e todas teñen por oficio o de facedores e facedoras compulsivas de leis, mais o seu arduo traballo queda demasiadas veces en simple papel, ou en virtualidade lexislativa. E unha lei para obrigar a aplicar as outras leis?
Menos mal que sempre temos a Ruíz Rivas, o enredante voceiro da oposición, para animar as xornadas no Hórreo. De oficio César. Primeiro no hemiciclo e despois nos corredores coa prensa dedicouse a incidir no divide et vinces entre os socios de goberno por iso de que os rosados vetaron a anunciada comparecencia de Quintana para falar de Ence. Ou da paisaxe da ría de Pontevedra. Non están as cousas como para facilitar protagonismos con menos dun ano de lexislatura por diante. E a batalla xa comezou.
Paisaxe desértica protexida
 |
Desoladora imaxe da bancada opositora na Cámara
|
Protexerá a nova lei do conselleiro Pachi o deserto popular? O trasno e mais eu contamos a presenza de só oito señorías –lembremos que son trinta e sete– durante a intervención de Méndez Romeu sobre cousas da función pública. Vale que o conselleiro da Presidencia fixo un discurso destes para durmir, pero ben poderían gardar as aparencias, sequera por iso de que o ollo do Albán anda sempre asexante.
Paisaxe incendiada a recuperar
 |
Tres homes escoltan un extintor polos corredores do Hórreo
|
En cambiando os pesados extintores andaban os empregados –non sei se son función pública– do Hórreo noso cando o trasno reparou en que os aparellos eses serven de apagalumes, pois alí os incendios son moi comúns. O último deixou mudo o vicepresidente Quintana, que din os populares que foi relegado polos socialistas a simple conselleiro de Benestar. Do edificio nacionalista saía un fume revelador.
A longa espera da integración xitana
Varios membros da Plataforma Galega pola Convivencia e contra a Discriminación Racial acudiron ao Parlamento para acordar cos grupos políticos unha declaración institucional en favor da integración do pobo xitano. Esperemos que da espera dun par de horas que tiveron que facer no galiñeiro agrome algún froito, pois declaración e acción son conceptos ben diferentes.
Dura tarefa a da educación vial
Dolores Villarino chegou onte co brazo en estribeira e agochado por un rechamante sarape. Disque andaba ela por Lugo para ver un campionato infantil de educación vial e deu co chan. Pouca cousa. Grazas á amabilidade de Tereixa Paz e Xaime Pita cumpriu co seu traballo á perfección.
Enganchando á rede pública
Velaí a Luis María Tojo Ramallo, deputado socialista el, en precisa instantánea enganchando o seu teléfono portátil á rede pública, que é de balde. Por sorte un inhibidor de ondas impide que os mancontros dos deputados e deputadas sexan utilizados no interior do salón de plenos.