audiencia nacional
Ceivar inicia unha campaña de apoio ós mozos Ugio e Giana
Os independentistas serán xulgados o 3 e 4 de novembro, acusados de colocar a bomba que estourou en Santiago no 2005
AGN
O organismo popular antirrepresivo Ceivar porá en marcha nos próximos días unha campaña informativa por toda Galicia para denunciar a situación de Giana Gomes e Ugio Caamanho. Estes dous mozos independentistas galegos serán xulgados pola Audiencia Nacional o 3 e o 4 de novembro en Madrid como supostos responsables da colocación dun artefacto explosivo na sede de Caixa Galicia en Santiago o 23 de xullo de 2005. Ante o que consideran "unha farsa xudicial e un proceso político", Ceivar prevé editar 60.000 folletos informativos e repartir 3.000 carteis e murais, ademais de organizar concentracións. Desde que o 8 de outubro transcendeu a data do xuízo celebráronse 12 asembleas informativas logrando reunir "unhas 300 persoas". O obxectivo é "convidar a sociedade" a mobilizarse en Madrid durante a celebración do xuízo, para o que se fretarán dous autocares.
Nun acto en Santiago no que oito mozos mostraron carteis pedindo a liberdade e a "repatriación inmediata" dos dous acusados, o responsable nacional de Ceivar, Joám Peres, explicou que Giana e Ugio enfróntanse, respectivamente a 19 e 21 anos de prisión, o que considera "unha condena esaxerada". Pérez incidiu en que outros crimes "máis graves" que a "destrución dun caixeiro" son castigados con penas "mais reducidas".
E é que a Fiscalía lle atribúe á pontevedresa un presunto delito de danos de orixe terrorista e outro de roubo de vehículo. En canto a Ugio, o ministerio público reclama 21 anos por estas dúas supostas accións delituosas e por presunta falsificación de documentos.
O representante de Ceivar destacou "o longo percorrido e compromiso" dos dous militantes, que levan tres anos e tres meses en prisión provisional, e ata denunciou que Xiana "non recibe tratamento sanitario" no cárcere a pesar de que a última analítica revelou "descompensacións orgánicas". Ademais, Ceivar asegura que os dous acusados foron obxecto de "agresións" por parte dos funcionarios e de "roubos" das súas pertenzas.
Desde o 2005 pasaron por seis cárceres diferentes
Desde o seu ingreso en prisión o 26 de xullo de 2005, a moza pasou polos penais de Soto del Real (Madrid) e Brieva (Avila), mentres que Ugio foi asignado a Soto del Real, Valdemoro (Madrid), Cáceres e tras unha tentativa de fuga, foi trasladado ó Porto de Santa María, en Cádiz, onde está agora.
É por iso que Peres denunciou "a vulneración" da lexislación penal e das convencións internacionais relativos ós dereitos dos reclusos, ó impor ós dous detidos "unha sobrecondena coa dispersión penal". Segundo calculan, os familiares destes dous mozos e os dos militantes galegos Santiago Vigo e José Manuel Sanches, tamén detidos, implican un "desembolso mensual conxunto" de entre 4.000 e 6.000 euros para poder custearse visitas semanais "duns 45 minutos" ás cadeas. Así as cousas, o representante de Ceivar insistiu en que "defender a terra non é un delito" e culpou o sistema xudicial de "represaliar a toda a contorna" dos dous independentistas.
A CERNA
Axuda para que os respecten
Na rolda de prensa estivo o pai de Ugio, Manolo Caamaño, quen agradeceu "o traballo de Ceivar", ó entender que o apoio de fóra axuda a que os dous mozos "sexan máis respectados no cárcere".