MUNICIPAIS
O PP confía na absoluta en Vigo e o BNG está aberto a un pacto
Crespo amósase optimista e asegura poder manter as tres deputacións provinciais ·· Domínguez está disposto a entenderse con Caballero
E.P.
A máquina dos partidos políticos xa se despregou para os comicios municipais do ano que vén, librando a principal batalla na cidade olívica.
A este respecto, o secretario de Organización do PPdeG, Xosé Crespo, asegurou onte que esta formación, "a pesar de non ter o Goberno da Xunta de Galicia", está en disposición de manter as tres deputacións provinciais que ten, as de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Nunha entrevista na Radio Galega recollida por Europa Press, Crespo tamén sinalou que as enquisas que manexan os populares "garanten isto e unha posibilidade" de lograr a da Coruña. Ademais, engadiu que o PPdeG "está a tiro de pedra da maioría absoluta" en Vigo.
Por iso, indicou que nas filas populares hai "un razoable optimismo" para os comicios municipais, previstos para maio do 2007, a pesar de que serán os primeiros tras perder a Xunta nas eleccións autonómicas do 2005.
Pola súa banda, o director xeral de Deportes e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Santiago Domínguez, asegurou onte que se "entenderá" co aspirante socialista, Abel Caballero, se este "ten claro" que esta cidade "non pode ser vítima" e se está disposto a traballar por Vigo "independentemente do que lle diga o seu partido en Santiago e en Madrid". Nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, Santiago Domínguez -que prevé deixar o seu actual cargo "a principios de marzo"- afirmou que el, se é alcalde, non fará "a política que lle marque o BNG en Santiago", aínda que se teña que "enfrontar á súa formación". Ó preguntarlle pola sensación de que o Bloque ten mellor relación en Vigo co PP que co PSOE, o candidato nacionalista dixo que o BNG "demostrou que non se entende mellor nin cos populares nin cos socialistas, senón coa cidade".
As relacións do bipartito, un bo exemplo
"Sería bastante reducionista quedar só cunha forza política, pero ideoloxicamente estamos bastante máis lonxe do PP que doutras forzas de esquerdas e progresistas, pero iso non quere dicir que en momentos e temas puntuais poidamos entendernos co PP", razoou o actual director xeral de Deportes.
Así, Santiago Domínguez destacou que o Goberno de coalición entre PSOE e BNG na Xunta "é un exemplo" e, sobre Vigo, insistiu en que os nacionalistas chegarán a acordos "coas forzas políticas que entendan que hai que gobernar a cidade" por enriba de calquera interese de forzas políticas".
O DATO
Espírito do Pacto Local no Estatuto
Xosé Crespo, presidente da Fegamp, asegurou que a Federación se daría "por satisfeita" se o novo Estatuto de Galicia "recollese o espírito do Pacto Local" asinado hai uns meses porque cre que "nun horizonte moi próximo" permitiralle ós municipios ter "un financiamento máis adecuado". Finalmente, explicou que propuxo a fusión de municipios pequenos antes de ser presidente da Fegamp e que neste cargo ten "aparcada" esta cuestión porque é consciente de que "a gran maioría de alcaldes non queren oír falar disto". Non obstante, mostrouse convencido desta transformación.