| ||||||||||||||
Baixo distintos lemas como "Galicia con Palestina, "Todos somos Palestina", "Non ao masacre", "Paremos a matanza" ou "Palestina resiste, Palestina existe", a manifestación arrancou ás 12.25 horas da Alameda compostelá para rematar sobre as 14.00 horas na Praza da Quintana. Tras un percorrido sen incidentes que levou os manifestantes polas rúas da Senra, Praza de Galicia, Preguntoiro, Toural, Rúa do Vilar e Praterías, os manifestantes concentráronse na Praza da Quintana, sobre as 13.15 horas, onde continuaron as consignas e cánticos a favor do pobo palestino. "Palestina vencerá", "Nunca máis bombardeos" ou "Viva a loita do pobo palestino" foron as consignas máis escoitadas. Ademais, na concentración puidéronse contemplar numerosas pancartas, carteis e palestinas nos colos de multitude de manifestantes. Por outra banda, á entrada da praza realizouse unha colleita de axudas para o pobo palestino, donativos que se destinarán ao envío de medicamentos e alimentos "para a poboación que sofre na Franxa de Gaza", segundo explicou un dos organizadores. Para finalizar, pasadas as 14.00 horas, a actriz e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, María Bouzas e a cooperante de Galiza por Palestina Laila Tillawi leron o manifesto asinado por todos os colectivos convocantes no que lles reclamaron á comunidade internacional que impoña a Israel ou "respecto polas resolucións das Nacións Unidas". Entre os manifestantes atopábase, entre outros, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen xustificou, en declaracións aos medios, a súa presenza, xa que "o nacionalismo histórico ten no seu código xenético o internacionalismo solidario". O tamén voceiro nacional do BNG referiuse ao alto ao lume unilateral decretado onte polo Estado de Israel, que dixo "celebrar", pero considerou "insuficiente", "pois o que fai falta é unha verdadeira solución pactada por ambas as dúas partes". Manuel Beiras critica os negocios que España mantén con Israel Quintana dixo, en referencia á presenza, onte, do presidente Rodríguez Zapatero no cumio de Exipto, que "a comunidade internacional debe deixar a un lado o cinismo" e "dar un paso á fronte", porque "a prioridade está en protexer o máis débil, que neste caso é Palestina". Nesta mesma dirección se expresou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Xosé Manuel Beiras, que criticou "os negocios que o Estado español mantén con Israel" e fixo un chamamento ao "boicot" dos produtos israelís, como propugnan escritoras como Naomi Klein. O deputado nacionalista Bieito Lobeira tamén fixo alusión a esta relación comercial entre España e Israel e asegurou que "o intercambio armamentístico" forma parte destas relacións. O PsdeG non se adheriu ó manifesto por non compartir algún postulado A secretaria de Dereitos e Liberdades do PsdeG, Beatriz Sestayo, condenou onte o uso da violencia por Israel en territorios palestinos e explicou que o seu partido non se adheriu ó manifesto en defensa deste pobo onte en Santiago porque non comparte algúns dos seus postulados. Segundo Sestayo, a esta convocatoria acudiron militantes socialistas pero o partido "non se adheriu ó manifesto porque, aínda que comparte moitos dos seus postulados, e de feito responsables socialistas acudiron á reunión para facer achegas ó manifesto, outros non os comparten". "A violencia nunca pode xustificarse", destacou, engadindo que o seu partido mantén unha condena "enérxica" ó uso da violencia por Israel. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||