unha canteira de xenios
A senda da innovación
Dúas cintas de animación producidas
en Galicia por Dygra e por Continental optan ao Goya á Mellor Curta
REDACCIÓN . SANTIAGO
Dúas películas de produción galega, cunha marcada vocación de experimentalismo, A flor máis grande do mundo e O bufón e a infanta competirán polo Goya da Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España no apartado de Mellor Curta española. As dúas cintas galegas apareceron onte como candidatas na web da academia.
A candidatura aos Goya das curtas O bufón e a infanta, de Dygra Films, e A flor máis grande do mundo, de Continental, foi coñecida onte mesmo polas produtoras galegas. Así, Dygra emitiu un comunicado para expresar a "satisfacción" do equipo polo nomeamento á película dirixida por Juan Galiñanes, que xa obtivo un premio do Concello de Cádiz e foi seleccionada para as seccións oficiais de festivais como Animadrid, Animacor, Sitges, Alcine ou a Semana Internacional de Cine Fantástico de Málaga.
A curta presenta unha estética innovadora inspirada na pintura barroca de Velázquez para abordar o tema das falsas aparencias e os prexuízos que levan ao engano. "Gañemos ou non, estamos convencidos de que a curta dará moito que falar e non só en España", declarou Manolo Gómez, produtor e director dos estudos coruñeses de animación. El bufón y la infanta iniciará o seu percorrido internacional o vindeiro ano, avalado xa polo nomeamento da Academia do Cine.
Pola súa banda, o director do filme indicou que as curtas serven como vía experimental para explorar técnicas diferentes que se poidan aplicar despois ás longametraxes e para descubrir novos valores no equipo.
A flor máis grande do mundo, dirixida por Juan Pablo Etcheverry, narra coa voz do Nobel de Literatura José Saramago un conto dirixido non só a un público infantil senón tamén aos adultos, no que predomina a idea do respecto á natureza.
Baseada tamén nun conto do Nobel portugués, producida por Continental e cofinanciada con 20.000 euros pola Consellería de Cultura, a curtametraxe está protagonizada por un neno duns sete anos que unha tarde de verán decide explorar o fascinante mundo existente a cinco minutos da súa casa. Na súa viaxe atopará unha flor murcha, á que decidirá axudar para que volva coller azos.
O director da multipremiada Minotauromaquia abordou o traballo con plastilina combinada con ilustracións, realizadas por Diego Mallo, e conta coa composición musical de Emilio Aragón.
Xunto ás dúas producións galegas, competirán ao Goya á Mellor Curta de Animación as producións Atención al cliente, de Marcos Valin e David Alonso; Perpetuum mobile, de Raquel García-Ajofrin Virtus e Enrique García Rodríguez, e Tadeo Jones y el sótano maldito, de Enrique Gato.
A RESOLUCIÓN
A entrega será en xaneiro
As curtas seleccionadas como finalistas polo xurado serán votadas por todos os membros da Academia con dereito a voto. A entrega de Premios realizarase en xaneiro de 2008, na Gala de Nomeados.