| ||||||||||||||
Sorprendinme de que unha web á que supoñía certa madurez e criterio non peitease os comentarios claramente insultantes, dando por suposto que eu estaría encantada -ou ben absolutamente submisa- co tratamento que estaba recibindo. Decidín esperar un tempo para dar suficiente marxe á consciente reacción por parte dos responsables da web. Gústame entender que alguén necesite da manifestación da vítima para ser consciente de ter feito un dano, que estea disposto a facer mal ata que non se lle queixen ou mentres non lle protesten. Sempre pensei que en calquera ámbito hai que responsabilizarse do propio comportamento e das súas posibles consecuencias, con madurez e aínda valentía. Sorprendeulles ós ASF que me molestase que me insulten? Facíaseme costa arriba ter que dirixirme persoalmente onda eles a pregar polo meu respecto sendo eu a inxuriada; de aí a idea de facelo a través dun terceiro, un amigo avogado. Escollemos o que entendiamos a maneira máis suave de establecer o primeiro contacto: un mail. Calquera que coñeza a linguaxe xurídica minimamente sabe que o remitido polo meu avogado non é senón un convite a achegar posturas. Reservarse o dereito de acollerse ao amparo legal non é de ningún xeito unha ameaza. Acusar diso a alguén que advirte da posibilidade de defenderse ante unha inxuria paréceme unha maneira de criminalizar á inxuriada en beneficio propio. Os prazos establecidos non son máis que unha rutina de traballo e neste caso foron tomados por nós cunha elasticidade absoluta (10 días acabaron sendo un mes sen problema pola nosa banda). Durante todo o proceso non houbo por parte dos ASF intento ningún de se poñer en contacto comigo: non rexistraron chamada ningunha ós meus teléfonos nin enderezos electrónicos. Unha postura tallante ou programáticamente agresiva contra Aduaneiros suporía denunciar os feitos. Se optei pola comunicación foi porque sempre pensei que dariamos chegado a un acordo. Comezou así un proceso de negociación amparado por uns protocolos tipo, os que se produciron entre o meu avogado e a avogada dos ASF (o primeiro mail e a súa resposta, e logo unha chamada telefónica entre eles dous). A postura inicial foi solicitar -sempre se comeza pedindo o máximo desexado- que se retirasen os comentarios que incluían palabras malsoantes a xeito de insulto, uns 4 ou 5, e a ilustración que encabezaba o resto dos 80 e pico comentarios. No meu ánimo sempre gardei a disposición a chegar a admitir que se deixase a caricatura, pero non as inxurias gratuítas e groseiras. Que a miña proposta primeira fose entendida como imposición é algo que escapa ao meu control. O punto exacto no que quedaramos coa avogada contraria era que falaría cos seus clientes para -entendiamos e esperabamos- ofrecernos algunha proposta e/ou informarnos das decisións dos autores. Cal sería a nosa sorpresa cando os Aduaneiros deciden rebentar a negociación, saltar todos os protocolos establecidos e saírse do rego cunha manobra como á que acabamos de asistir. Se aos Aduaneiros non lles gustou o meu método ou as miñas formas intentando defenderme dun ataque como é o meu dereito; ou se acaso existiu entre as dúas partes algún tipo de malentendido (a estas alturas non o descarto), debeuse tratar de arranxar en privado e non coa sucia manobra de facer desta discrepancia un circo. Os ASF, en canto alguén levantou a voz e non estivo quietiña dabondo, incomodados despregaron a arma máis afiada que posúe a rede. E decidiron enarborar tan alta bandeira como a da liberdade de expresión -seica esa liberdade non é igual para todos/as. Non quixera colgarme medallas que non me corresponden: eu non pechei ASF nin comprendo que estes sentisen ameazada a súa liberdade de expresión. Nunca desexei impoñer o meu criterio, pero recibín a imposición do criterio deles: o de converter un desacordo privado nun espectáculo público e abondo patético. Total, que eu cargarei cos meus erros pero non cos dos demais, que xa somos maiores. Non quero ofender a ninguén con estas liñas, pero tempouco pedir perdón por un pecado que creo que non cometín. Se houbo algún mal entendemento entre os Aduaneiros e mais eu laméntoo, pero non me resigno a ter que "dicir que chove" . Esta situación paréceme absurda, sobredimensionada e lamentable. Que os ASF fagan o que crean correcto e xusto, que tamén é precisamente o que veño de facer eu." comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||