poesía
Un erro no X Premio Avelina Valladares
No libro galardoado na XI edición figura que se trata da X, na que en realidade gañou outro poeta
M.D.
Un erro fortuíto e sen mala fe deu lugar a unha confusión sobre o X Premio Avelina Valladares, convocado polo Concello da Estrada no 2006. O gañador da décima edición deste galardón foi Arsenio Iglesias Pazos e non, como se publicou, María Lado. A poeta de Cee obtivo este premio non na X edición do certame, senón na XI, -a do 2007-.
O Concello da Estrada anunciou no seu día a noticia da entrega a Arsenio Iglesias da décima edición do galardón. Pero no momento da publicación do libro de María Lado,un erro levou a editora a indicar no mesmo que fora o gañador do X Premio. Ademais, e ata hoxe, o poemario de Iglesias permanece inédito. O concelleiro de Cultura da Estrada, Manuel Sanmartín, indicou que todo se debeu a un simple "erro de imprenta", e asegurou que a previsión do seu departamento é apoiar tamén a publicación do libro de Iglesias, -igual que o fixo co poemario de María Lado, editado por Edicións Fervenza, e malia que as bases do certame non garanten a publicación da obra galardoada-.
O director de Fervenza, Xosé Luna, confirmou a versión da concellaría sobre o erro no libro de Lado, e sinalou que "a nós nos gustaría publicar o poemario de Iglesias. Pero somos unha editora pequena, sen ánimo de lucro, e sen un acordo co Concello non nos é posible. Publicamos varios dos libros galardoados co Valladares grazas a acordos puntuais co Concello. E para editar o do 2008 xa asinamos un convenio".
Iglesias, pola súa banda, afirmou que "primeiro no Concello me dixeron que se ía publicar o meu libro, pero que tiña que esperar porque aínda estaban sen publicar poemarios gañadores de edicións anteriores ao meu. Mentres eu agardaba, publicouse o de María Lado, -e en absoluto pretendo culpala a ela- e outros, anteriores ao do 2005. Cando insistín, o concelleiro dixo que decidiran non publicar o meu, pero que o ían falar outra vez. E polo momento non sei nada". O PSdeG ten a Concellaría de Cultura desde o cambio de goberno no 2007.