| ||||||||||||||
O suceso, verdadeiramente insólito, desencadeouse cando o finalista do premio, Xavier Lama, presentou unha alegación ante a Deputación da Coruña -organizadora do concurso. A alegación foi, finalmente, aceptada polos servizos xurídicos e como consecuencia, o xurado volveuse reunir o pasado dez de setembro. Na reunión, decidiron desposuír a Estévez do galardón por "incumprir as bases primeira e terceira" e proclamaron novo gañador -por catro votos fronte a un- a Xavier Lama, que recibirá os 6.000 euros de dotación polo libro Cabalos do alén.Todos os membros do xurado orixinal -Manuel Álvarez Torneiro, Manuel Fernández Álvarez, Remedios Fernández, Gonzalo Navaza e Luz Pozo Garza, co presidente da Deputación como secretario sen voto, Salvador Fernández Moreda- estiveron na reunión, agás Manuel Forcadela. A decisión foi comunicada onte aos implicados e deu pé á Carta aberta que acompaña estractada este artigo. Estévez xa avanzou que non presentará recurso aínda que as actas do xurado recollan esta posibilidade. Xavier Lama recibiu con satisfación a noticia e, malia estas "estrañas circunstancias", dixo sentirse "reconfortado por gañar un premio coma o González Garcés nun ano no que tamén tiven o Premio Esquío. Respecto disto, non podo pedir". Ao seu ver, a rectificación do xurado "vai incidir na transparencia dos premios literarios. A partir de agora, non vale presentar calquera cousa. Aínda que considere que Eduardo Estévez actuou de boa fe, hai que ser pouco escrupuloso para presentar textos que non eran inéditos". Lama decidiuse a presentar as alegacións tras descubrir "con sorpresa" que había "vinte ou trinta poemas" incluídos no libro de Estévez que tamén aparecían na súa bitácora. "Como el mesmo recoñeceu, unha boa parte do poemario fora divulgada a través de internet. Eu visitara a bitácora en varias ocasións e sabía que fora construída ex profeso para facer o poemario. Os textos estiveron colgados en internet durante varios meses e, ademais, a bitácora titúlase practicamente igual que poemario. Mesmo tiña unha especie de concurso para que os visitantes da páxina elixisen o final dalgúns poemas". A CERNAValoración de Fernán-Vello O poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello realizou, por petición expresa de Eduardo Estévez, unha avaliación da impugnación. Nela subliña: "Na Base Primeira do Premio dise que poderán optar ao concurso autores con obras inéditas. Ao non incluír a especificación "no seu conxunto", enténdese que se puideran permitir textos anteriormente recitados en público ou mesmo, como é o caso, reproducidos, parcialmente, en formato electrónico en internet. A obra presentada, como tal, é inédita: non viu a luz como tal anteriormente. Iso é o que entendo eu. E así o fago constar". Miro Villar e Fran Alonso O poeta Miro Villar tamén fixo a súa propia avaliación e nela subliña que "obra édita" é só aquela con ISBN. Tamén subliña que os traballos de work in progress nunca se consideran na Filoloxía "textos definitivos do autor" e que os adiantos ou borradores "tampouco poden considerarse nunca como a edición definitiva". Pola súa banda, o tamén poeta editor Fran Alonso realiza un informe editorial no que rexeita que Construcións poida ser un libro dixital e corrobora que o poemario premiado é inédito. Tras valorar moi positivamente a bitácora de Estévez, lamenta que se penalice o seu "carácter novidoso" porque "non se dan as circunstancias requiridas para facelo; desde o punto de vista da edición non incumpre as bases do premio". comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||