Carta aberta de Eduardo Estévez
EDUARDO ESTÉVEZ
No día de hoxe acabo de ser informado de que a Deputación Provincial da Coruña decidiu aceptar unha impugnación recibida hai uns meses e que solicitaba que se descualificase o meu libro construcións e se lle retirase o premio de poesía Miguel González Garcés que lle fora concedido. O argumento da impugnación, presentada polo señor Xavier Lama, é que o libro incumpría as bases da convocatoria por estar previamente publicado no blog "en construcion". Como expliquei no seu momento perante a propia Deputación que mo solicitou, esta impugnación carece de toda base legal segundo os seguintes argumentos:
1. O premio, tal e como está descrito nas súas bases e é de público coñecemento, premia unha "obra". Quer dicir, considera unha "obra" a totalidade do material presentado baixo un título e lema. A "obra" presentada a concurso é rigorosamente inédita.
2. Existe, efectivamente, un blog, titulado "en construción", e co seguinte subtítulo: "bitácora da construción dun libro de poemas". A existencia deste blog era pública antes da convocatoria do premio e, como pode comprobarse, non a ocultei en ningún momento. O que se publicou neste blog é unha descrición do proceso de produción da obra. Non é un libro, senón unha bitácora, un diario. Acompañando esta bitácora é posíbel consultar borradores dalgúns dos textos que compoñen a obra pero non todos os textos nin as versións finais. [...]
3. Como se pode ver no mesmo blog, a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufriu moitas correccións. [...] Ningunha destas modificacións (nin a descrición das mesmas nin os textos) foron difundidas no blog ou na miña páxina persoal.
4. Na mesma cláusula segunda das bases do Premio dise que a Deputación "publicará" a obra premiada. Non se explicita (aínda que queda amplamente sobreentendido) que se trata dunha publicación en papel. Pódese sobreentender, por tanto, que a expresión "inédito" se refire tamén a este modo habitual de publicación.
5. O mesmo informe técnico antes mencionado determina sen que caiba lugar a dúbidas que, "só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro, quer no ISBN quer no Rexistro da Propiedade Intelectual, e calquera outra obra sen o devandito trámite sempre adoita considerarse como inédita".
6. Existen diversos métodos de edición de libros dixitais. Como se explica na Wikipedia, os formatos comunmente utilizados son DOC, PDF e LIT. Nin o blog nin os textos incluídos na páxina web os utilizan. [...]
7. En calquera caso, e tal como deixa entrever Fran Alonso no seu argumento, o concepto "edición" inclúe unha serie de procesos adicionais (e necesariamente posteriores) á escrita do libro que, como resulta obvio, non puideron ter lugar neste caso, xa que a escrita dos textos do libro non estaba rematada no momento en que se interrompeu a difusión da bitácora.
8. Canto á alegación á cláusula terceira das bases [...], a Deputación pode dar fe de que o libro foi presentado baixo plica, cun título e un lema, polo que non se entende a que violación desta cláusula se refire a alegación.
9. Con todo, atendendo ao espírito desta cláusula que procura o anonimato dos textos para non viciar a resolución do premio, o xurado está no seu dereito (aínda que non o apoie unha lectura estrita das bases) de, antes de emitir a resolución, desbotar un libro porque pode recoñecer a súa autoría por difundirse algún dos textos que o compoñen en publicacións colectivas ou mesmo en recitais poéticos. Porén, unha vez que o xurado resolve de boa fe e en exercicio da súa indiscutíbel profesionalidade, non parece pertinente que este mesmo dereito de veto se lle conceda a calquera persoa por que tivese coñecemento previo da obra.
10.Máis alá doutras consideracións, tanto o acto de presentar o libro ao premio canto a actuación do xurado desenvolvéronse baixo o principio de boa fe que rexe, segundo a lexislación vixente, todos os contratos de palabra (como o é o caso de presentar un libro a un premio literario). [...]
11. En todo caso, a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido.
Teño na miña man presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Deputación pero non o farei. Acepto esta nova decisión do xurado tal e como a aceptei da primeira vez e non pretendo obter nos despachos aquilo do que de boa fe o xurado e a Deputación agora me privan.
A importancia dun premio radica en que un xurado considere que o traballo dun merece ser premiado, o que xa ocorreu co meu construcións. Quedo con iso.