| ||||||||||||||
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, Anxo Angueira e Abe Rábade presentaron onte os actos de conmemoración do Día de Rosalía. Hoxe, 24 de febreiro cúmprense 172 anos do nacemento da poeta, e Consellaría e Fundación celébrano cunha serie de actividades ao longo desta semana. Bará explicou que se trata dunha "lectura nova e actualizada da figura de Rosalía de Castro a través das composicións do cuarteto de jazz Abe Rábade, que se presentou na Feira do Libro na Habana hai un ano." O concerto do xoves completarase cunha proxección audiovisual na que colaboran autores como a experta en Rosalía, Victoria Álvarez Ruiz, escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimóndez ou María López Sández, a historiadora Nancy Pérez ou o propio Anxo Angueira, que comentarán diferentes aspectos da traxectoria da artista filmadas en paisaxes simbólicas da súa obra como A Coruña, Lugo, Padrón, Santiago, Vigo ou Laíño. Bará sinalou que os obxectivos principais desta iniciativa incidirán na "divulgación da figura e obra de Rosalía como creadora e pensadora" da literatura galega; e a "idea de converterse en fonte permanente da inspiración e creatividade dos artistas" do país. Cultura publicou ademais un libro sobre Rosalía de Castro con artigos de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, María López Sández, Iria Sobrino, Nancy Pérez, Xabier Cordal, Daniel Salgado, María do Cebreiro, Iago Castro e María Reimóndez. ACTIVIDADESLibro de relatos na casa da poeta A presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar, comentou que a intención é "darlle un xiro" á conmemoración da figura da autora galega para "dotar de maior importancia a data do seu nacemento que á da súa morte" e "recobrar ese espírito". Villar afirmou que este xoves se celebrará "unha festa de aniversario" da poetisa coa presentación do libro Quen casa ten de seu, Contos na casa de Rosalía, que inclúe cinco contos de autores e ilustradores galegos "dirixidos a achegarlles a súa figura aos máis pequenos" mediante "historias que acontecen na propia casa da escritora". O libro conta con relatos realizados por Marilar Aleixandre, Miro Villar, Helena Villar Janeiro, Xosé Antón Neira Cruz e Fina Casalderrey, con ilustracións de Fausto Isorna, Miguelanxo Prado, Ramón Marcos, Iván Suárez e David Pintor. O venres terá lugar ademais un recital poético a cargo dos alumnos de primaria e secundaria de centros escolares de Padrón e Bertamiráns. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||