Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Martes 09.02.2010  |  Actualizado 16.22
Maré 
atrás Añadir a Yahoo la noticia Construíndo a identidade
Añadir a Del.icio.us la noticia Construíndo a identidade
Añadir a Menéame la noticia Construíndo a identidade
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

Construíndo a identidade

Víctor F. Freixanes prepara os cincuenta anos de Galaxia cunha adaptación ás novas tecnoloxías e as homenaxes a Ramón Piñeiro, fundador da editorial e Letras Galegas 2009

RAQUEL SILVA/AGN . SANTIAGO

Víctor F. Freixanes considera que Piñeiro é unha das figuras fundamentais da Cultura galega
Víctor F. Freixanes considera que Piñeiro é unha das figuras fundamentais da Cultura galega
A piques de celebrar os 60 anos de historia, a editorial Galaxia vive o 2009 como un ano especial. Mirando atrás, a entidade creouse en 1950 e entre os seus fundadores figura Ramón Piñeiro, a quen a Real Academia Galega dediciu dedicarlle este ano o Día das Letras Galegas. Mirando adiante, Galaxia sumouse recentemente ao tren da modernidade tecnolóxica, ao anunciar a dixitalización dos seus fondos no buscador Google. Dende o ano 2002, Víctor Fernández Freixanes ocupa o cargo de director xeral da editorial, que asumiu daquela o temón da editorial. Afronta o seu papel sabedor do catálogo histórico que ten detrás, o cal supón -afirma- un orgullo e unha responsabilidade.

 

A Academia Galega decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro.

Ramón Piñeiro é unha das figuras clave para entender a cultura galega contemporánea e, incluso, a historia da Galicia contemporánea na saída do franquismo e na construción da democracia e da autonomía de Galicia. Non é a única, iso hai que dicilo ben claro, pero é unha figura fundamental. Iso dende o punto de vista da súa incidencia social. Formou varias xeracións de galeguistas, dedicou a súa vida a esa causa, e logo ten unha obra non moi extensa pero moi intensa... Eu recomendaríalle, por exemplo, aos amantes da lingua galega e a significación dun idioma que lean A linguaxe e as linguas, ese ensaio de Ramón Piñeiro que inaugura a nosa biblioteca de autor.

 

O seu labor cultural tivo unha clara intencionalidade política. Que papel xogou, neste sentido, o seu traballo dende Galaxia?

Galaxia creouse como unha plataforma de acción política. Non como unha plataforma de partido, aínda que basicamente quen constituíu a editorial Galaxia foron os restos do Partido Galeguista e das Mocedades Galeguistas. Pero si, diante da imposibilidade que eles consideraron para reorganizar formalmente o partido en Galicia, dada a circunstancia e as condicións en que tiñan que desenvolverse na ditadura, apostaron pola acción cultural. Acción cultural que tiña unha dimensión política obxectiva, porque era a dignificación da lingua, era empatar con todo o que era memoria do galeguismo da República, pero tamén sementar nas novas xeracións dende unha perspectiva moi aberta, non partidaria, non con siglas por diante. Pensando que o que había que facer era construír unha conciencia da identidade de Galicia nas novas xeracións e cunha visión moderna, unha visión que permitise dialogar dende a cultura e dende a identidade de Galicia con todas as culturas do mundo, sen complexos.

Como vai ser a homenaxe de Galaxia a Piñeiro neste 2009?

Galaxia concibiu dúas liñas de acción. Unha de tipo editorial que é a recuperación e a organización de toda a obra de Ramón Piñeiro e despois preparamos unha exposición, que non sabemos se inauguraremos en Lugo, onde nace Ramón Piñeiro, ou en Santiago, sobre a vida e obra de Ramón Piñeiro. Logo, dende a Fundación Penzol estamos traballando na reconstrución, co apoio da Consellería de Cultura, do gabinete de Ramón Piñeiro, é dicir, a famosa mesa camilla, mesa braseiro, o lugar onde el durante corenta anos recibiu a xente da oposición antifranquista, as novas xeracións, os profesores das universidades americanas que querían saber algo de Galicia... Esa biblioteca e esa mesa camilla na rúa Xelmírez nº15 en Santiago de Compostela, será reconstruída exactamente igual, cos mesmos mobles... na Fundación Penzol que foi onde Piñeiro depositou todo o seu fondo, toda a súa correspondencia.

 

 

Recentemente produciuse a dixitalización dos fondos de Galaxia en Google, responde esta acción a unha estratexia de internacionalización da editorial?

No fondo é ser coherentes cos principios. No 1950, Galaxia nace para a defensa da lingua galega e cara á súa normalización, nunha época moi dura, loitando contra a ditadura, ás veces medio na clandestinidade, pero cunha vocación de modernidade, cunha vocación universal. Hoxe, afortunadamente, temos unhas liberdades democráticas, temos unhas capacidades de autogoberno que nos permiten estar no mundo... Pero hai que estar no mundo, porque se non estás no mundo non existes. E estar no mundo significa estar, sobre todo, nas novas plataformas tecnolóxicas e o acordo con Google neste aspecto paréceme fundamental. Vai permitir que os fondos de Galaxia estean no escaparate da promoción que significa un buscador como Goo- gle. Iso non quere dicir que non poidamos facer outros acordos con outros buscadores.

 

Google Books é un portal de consulta dos fondos, non de venda. Contemplan esta posibilidade nun futuro?

Si, pero a través de Galaxia sempre. A venda dos libros sempre se ten que realizar a través de Galaxia.

 

Non obstante, durante a presentación desta dixitalización, o profesor Arturo Casas prognosticou que a rede non fomenta a crítica nos usuarios. Cal é o seu xuízo?

Arturo Casas dixo moitas cousas nesa reunión, entre elas que a rede era o gran vehículo de difusión, popularización e democratización da cultura. E falou, efectivamente, de que o uso da rede, tal e como se está facendo, sen dedicarlle unha atención á formación dos usuarios impide ou polo menos non é suficientemente crítica ou polo menos co espírito crítico que nós desexamos. Eu, que estou de acordo con Arturo Casas, tamén direi outra cousa: o mesmo vale para a televisión.

 

Que papel xogou e xoga a editorial na difusión e conservación da cultura galega?

Iso téñeno que dicir dende fóra, pero calquera que lle bote unha ollada á editorial Galaxia dende 1950, cun catálogo histórico onde eu creo que está o máis brillante da literatura galega de todos estes anos, do pensamento, un fondo de clásicos coma este? Pois nós todos os días enfrontámonos ao futuro, miramos cara a adiante, con ese patrimonio detrás, pero mirando cara a adiante. A achega histórica está aí e hai un recoñecemento formal este ano coa Medalla de Ouro de Galicia, que o que se recoñecía era a súa achega histórica. O desafío noso é saber que podemos ou que debemos facer nos próximos 50 anos.

 

Entre os plans da editorial está o de estender a súa actividade fóra das nosas fronteiras?

Iso tamén é outro reto para o novo século. Dicía antes que ou estás no exterior ou non existes. Pero estar no exterior non é estar só na rede, senón tamén estar nos mercados internacionais, feiras do libro, que os nosos autores poidan ser traducidos, do mesmo xeito que nós queremos traducir ao galego. Nese diálogo coa contemporaneidade de estar nos mercados exteriores obriga tamén a que a lingua e a creación galegas, traducidas a outros idionas e noutros soportes, estea neses mercados. E aí estamos traballando. De feito, agoras creamos un departamento do comercio exterior con esa intención, ademais da potenciación da web.

 

Como se concibe o futuro da editorial nun escenario no que se transformaron tanto os hábitos de consumo como os soportes?

O libro é un soporte moi estable e é probablemente o grande invento da humanidade para transmitir e conservar información e coñecemento, pero tamén para o pracer de ler. Pero o libro vai convivir con outras formas, outras tecnoloxías e outras linguaxes da comunicación. É unha cultura que non é máis que a capacidade que teña unha sociedade para crear discurso e distribuílo no mundo a partir dos seus propios intereses, da súa propia identidade, pois ten que ser capaz de dialogar con todas esas tecnoloxías, con todas esas linguaxes novas. Son os desafíos de futuro e é onde estamos traballando. E a cultura galega ou se sitúa nese horizonte e pacta co novo tempo ou non ten futuro. E eu estou convencido de que temos futuro.

 

comentarios

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia Construíndo a identidade
Añadir a Del.icio.us la noticia Construíndo a identidade
Añadir a Menéame la noticia Construíndo a identidade
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade