| ||||||||||||||
Considerado un dos mellores narradores da Literatura galega contemporánea e un dos nomes que acadou, desde Galicia, un carácter internacional, Suso de Toro explica Por arte de maxia como "unha investigación que empeza por constatar unha especie de enigma, unha ausencia, un baleiro na miña historia persoal". O "baleiro" refírese á peripecia vital do seu avó paterno, que el decide reconstruír a partir dunha serie de viaxes tras as súas pegadas, incluída Cuba e Zamora, de onde era orixinaria esa rama da familia. "Trátase dunha viaxe", di De Toro, "na que hai algo de viaxe homérica, de busca do coñecemento". "Realmente", engade, "o tema da miña nova novela é a identidade, pero ese tema non é ningunha novidade: probablemente é o eixe dos meus libros. Baséase na eterna pregunta: quen somos cada un de nós e cal é o papel que xoga o pasado na construción do eu". Narrada en segunda persoa, Suso de Toro subliña que até agora nas súas obras sempre mandaba os seus personaxes investigar o seu pasado e "nesta obra eu son o personaxe e o narrador, que aínda non sei quen é, o que me manda a min explorar a historia". A obra naceu, apunta, a partir de dúas situación distintas. Por un lado, está unha noite de insomnio en Toro, cando se preguntou de onde lle vén o apelido; e polo outro , un artigo de prensa no que pediron unha foto familiar e unha anécdota. El elixiu unha foto na que aparecen el e os seus pais diante da casa da familia. Nesa foto, un detalle que a el lle chamou poderosamente a atención: hai unha porta cegada con pedras. "No fondo", subliña, "o sentido poético do libro está nesa imaxe: a dificultade de acceder ao que hai detrás do muro". Aínda que a novela aparecerá en maio nas librerías galegas, a súa tradución en castelán non estará lista até despois do verán. De momento, De Toro di que non se decidiu pola editorial encargada de publicala en España. O DATOComo en todas as súas novelas, Suso de Toro tamén lle puxo a esta última unha banda sonora. Neste caso, mesturaríanse AC/DC, os Requiem e, en xeral, a música do barroco. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||