Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Martes 09.02.2010  |  Actualizado 16.13
Maré 
atrás Añadir a Yahoo la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Añadir a Del.icio.us la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Añadir a Menéame la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

obra

A "verdadeira" crise do mundo

Alberte Momán critica no seu novo poemario a desmobilización social e a eliminación de dereitos básicos

M. DOPICO . SANTIAGO

Alberte Momán  gañou varios premios de poesía por obras anteriores FOTO: Fernando Blanco
Alberte Momán gañou varios premios de poesía por obras anteriores
FOTO: Fernando Blanco
"dóesme/ agora xa/como noutrora/ pero tan só o silencio/ me responde/ /dóesme como noutrora/ nas horas/ en silencio/ / posúo unha alma figurante/ predisposta a sucumbir en silencio". O escritor Alberte Momán deita en versos coma estes no seu poemario A crise irredutible as súas inquedanzas sociais e políticas, ante a convicción de que "a verdadeira crise/ non está/ como din/ en que un banco ou caixa/ fique sen efectivo que deitar nas nosas mans/ senón na situación/ sempre corrupta/ que permitiu ás entidades de creto/ decidir sobre os nosos proxectos" (...).

"O sistema capitalista cometeu unha serie de erros, que manifestan as entidades de crédito, que á súa vez pretenden trasladar a crise aos traballadores e traballadoras. Para que que se dera isto, tivo que haber un proceso previo de desmobilización social e eliminación de dereitos básicos: esa é a verdadeira crise", explicou o autor.

Alberte Momán (Ferrol, 1976) acaba de presentar na Coruña o seu novo libro, que editou con Lulu.com baixo licenza creative commons. A crise irredutible estrutúrase en tres partes. A primeira, Un agora que non quere saír, -escrita polo ano 2004-, é a máis intimista.

Concibida como un poema único, introduce a idea dunha sociedade que foxe de si mesma. A metáfora dun país -Galiza- creado como unha cincenta ateigada de feromonas que permanece agochada, acubillada nunha matriz cargada coa lousa do "sempreadeus": a "renuncia" do pobo a si mesmo.

"Negamos o agora. A sociedade escapa de si mesma envolta nunha gran matriz que ela mesma crea. Creamos un país á nosa imaxe e semellanza, ao que trasladamos os nosos defectos: os nosos medos, a negación do cambio, a imaxe de que non somos culpables de nada... Renunciamos á nosa identidade, -por iso o sempreadeus-. Somos como adolescentes sobrehormonados que tentamos que a cincenta cargue coa nosa identidade, a nosa forma de ver o mundo", salientou.

Momán reitera ao longo de todo o texto unha serie de figuras, como o figurante. "Somos figurantes, no sentido de que permanecemos nun segundo plano. Individualmente, as nosas capacidades son limitadas, pero se asumimos o colectivo as cousas poden mudar", subliñou. En relación con iso, sitúase a imaxe do parto. "Onde hai unha matriz pódese agardar un parto. O parto é o país que agardamos que ten que ser, e ese parto vai saír segundo o que fagamos", engadiu.

Nesta primeira parte repítense as referencias á tasca -como espazo no que o individuo se socializa-, e as imaxes relacionadas co sadomasoquismo. "Dicía Erich Fromm que, ante o medo á soidade, unhas persoas reaccionaban volvéndose submisas, e outras dominantes. É o discurso de "hai que ser como a xente", que te leva a asumilo todo...", considera o autor.

A segunda parte do poemario, Síndrome de Estocolmo, -xurdida no 2008-, recrea as relacións, destrutivas para o primeiro, entre o traballador e o empresario que se beneficia da súa forza de traballo. De novo aparecen aquí a idea do dominio e a submisión, que conviven coa soidade, a ausencia, a saudade, a derrota... "Vivimos como secuestrados polo empresario que se aproveita da precariedade para manter o traballador sometido. Pero o que fai o traballador é asumir ese xeito de entender a vida: renunciar á propia clase social, comportarse como o empresario, crer na falacia da clase media, vivir ocupado con cuestións irrelevantes como o consumo ou o fútbol", reflexiona Momán.

"Se renuncias á túa propia identidade, podes crear unha figura ficticia de ti mesmo, pero non podes evitar ás veces decatarte do que es realmente. Renunciamos á nosa orixe labrega... A evasión é un camiño, pero hai outro que é a rebeldía. Asumir a responsabilidade, deixar de ser vítimas, fuxir, atopar o xeito de controlar a nosa propia vida. Hai esperanza, no libro, nese aspecto", aclarou o autor.

SENTIDO

Premios de poesía A autoedición como saída "As empresas privadas aproveitan para que o Estado as financie"

Continúa o texto cunha terceira parte, a máis recente, que dá título á obra. Nela, o autor expresa o seu sentir sobre o mundo actual: unha socialdemocracia e un nacionalismo galego que ao seu ver viraron cara á dereita, un pobo que vive colonizado e de costas á súa identidade, unha democracia formal e mediática que atropela os dereitos no nome da seguridade, a concentración do poder nunhas poucas mans, a desigualdade de clase e o abuso do primeiro mundo sobre o terceiro... "Tento nesta parte facer unha descrición da realidade. Sen intimismos: algúns textos poderían considerarse prosa... A democracia totalitaria sen verdadeira participación; na que hai cuestións tabú como a monarquía; na que o discurso da seguridade serve para limitar as liberdades e delimitar quen ten dereitos e quen non; os poderes fácticos conflúen: a Igrexa, o exército, as empresas que aproveitan a crise para que o Estado as financie, os medios que inventan a realidade, os partidos: o PSOE xa non é socialista, o PP vai de moderado pero é a ultradereita de sempre, Rosa Díez renega da ideoloxía pero manifesta un nacionalismo español e unha visión de dereita no social...", subliñou.

TRAXECTORIA

Momán gañou o Premio de Poesía Francisco Añón no 2004 co seu libro Erótica, e o de poesía erótica Illas Sisargas con Baile Átha Chiath no 2008. Tamén obtivo o Narrativas Quentes, con O lobo da xente (2003).

O autor publicou o ano pasado, tamén na plataforma de autoedición Lulu.com, o seu libro Ferrol e o que queda por chover. No 2007 editou, coa Difusora das Letras, a novela O alento da musa.

comentarios

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Añadir a Del.icio.us la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Añadir a Menéame la noticia A "verdadeira" crise do mundo 
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade