Galicia Hoxe
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
 
Google
Portada  |   Portada en PDF  |   Hemeroteca  |   RSS  RSS Martes 09.02.2010  |  Actualizado 16.22
Maré 
atrás Añadir a Yahoo la noticia A identidade flexible
Añadir a Del.icio.us la noticia A identidade flexible
Añadir a Menéame la noticia A identidade flexible
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto

libro

A identidade flexible

María Reimóndez reflexiona na súa terceira novela sobre a procura da definición dun camiño propio na vida alén dos patróns establecidos socialmente en cada época

M. DOPICO . SANTIAGO

A busca da propia identidade e todas as loitas que ese proceso implica. Encarnada en tres personaxes que se rebelan contra os patróns de comportamento establecidos. É o cerne de Pirata, a terceira novela da escritora María Reimóndez, que acaba de publicar Xerais.

Dúas das personaxes de Pirata, Mark Read e Anne Bonney, están baseados en persoas que existiron na realidade, cuxas peripecias están recollidas nun libro de 1724 co que a creadora de O Club de Calceta se atopou realizando unha traducción: A historia xeral dos roubos e asasinatos dos piratas máis infames.

"Documenteime intensamente para escribir este libro. É unha obra de ficción, non é unha novela histórica, pero a parte de acción recolle dun xeito bastante fidedigno o que lin. Construín os personaxes a partir do que só eran datos...", explicou Reimóndez nunha entrevista.

"O que máis me fascinou de toda a historia é o tema das identidades, que son fluctuantes, permeables, flexibles. A personaxe principal" -Mark Read- "manifesta como somos o que perciben de nós. É o que di Judith Butler sobre o xénero: que é unha representación. As personaxes demostran como é posible levar unha vida que non é a socialmente esperable segundo o teu xénero, clase social...", salientou. Malia que a imaxe da portada poida levar a interpretar o contrario, Pirata non é un libro para nenos, nin un relato de aventuras, senón unha obra de personaxes, que a autora estrutura en partes: Azul, Vermello e Negro. "O azul do mar, o vermello do sangue, o negro das bandeiras piratas. Na primeira parte hai máis introspección, na segunda máis acción. O de aventuras é un xénero tipicamente masculino, entón hai un xogo cos libros de aventuras, pero para contar algo totalmente diferente. Para min foi moi divertido escribir esta novela", asegurou María Reimóndez.

A imaxe que a autora transmite do mundo do pirateo non é, tampouco, a que se instalou nos imaxinarios. "Non lin libros de piratas, senón de historiadores e historiadoras, que demostran que os piratas nin eran moitas veces tan violentos, nin conseguían grandes tesouros; que apreciaban aos poetas e músicos...", aclarou.

Mark Read, o protagonista, é unha persoa que procura o seu lugar. Tras pasar a infancia como criado e acadar o recoñemento como soldado ao servizo do rei, acaba atopando a súa identidade facéndose pirata. Pero os seus conflitos aínda non están resoltos. E para avanzar nesta andaina apóiase, primeiro, en Madame Ébano, unha muller que, tras verse obrigada a renunciar a un amor prohibido, refúxiase nun prostíbulo, no que vive vendendo os seus remedios e a súa sabedoría sobre menciña natural, herdanza que lle transmitira a súa nai que, coma ela, fora escravizada pola súa cor de pel.

DATOS

As personaxes, na centralidade

A personaxe de Madame Ébano é unha das máis interesantes. "Foi a que máis me deu que argallar", conta Reimóndez, que para creala leu libros de escravas. Mark Read ten unha relación especial, tamén, con Anne, unha persoa situada noutra etapa vital, filla dunha criada e un avogado que, tras casar para fuxir dunha vida de señora de boa posición que detestaba, ten moi claro que se pode ser muller sen comportarse de acordo cos roles impostos socialmente.

ALICERCES

Mulleres pouco coñecidas

O tema do xénero, e a súa interrelación co de clase, o racial, e o reparto desigual da riqueza no mundo, é un dos eixos da novela. As personaxes principais "son mulleres ocultadas. En todo tempo hai xente que non vive segundo os patróns. Houbo moitas mulleres no exército, en barcos...", lembrou. As personaxes reflexionan sobre como outras mulleres si acatan as reglas. "As mulleres somos educadas para reproducir o patriarcado, como nais. Por iso, o raro é atopar mulleres que non sexan machistas", afirma.

A actualidade dos temas

Na novela, non todas as mulleres viven do mesmo xeito: as pobres traballan arreo... nin todos os homes son iguais. No libro, actual malia estar ambientado no XVIII, hai máis: crítica ao poder -as guerras do rei e dos ricos...-, travestismo e a conciencia que produce dos roles de xénero, homosexualidade e a problemática que causa o seu rexeitamento, amor, descuberta dunha sexualidade libre, rebelión contra o abuso sexual, reflexión sobre como a dicotomía socialmente creada home-muller marca a identidade.

comentarios

Escribe tu comentario

Alias

Clave

Para escribir tus comentarios en las noticias, necesitas ser usuario registrado. Si no lo eres regístrate ahora

Título

Comentario

www.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores
y eliminará los comentarios considerados ofensivos o que vulneren la legalidad.

 
atrás Añadir a Yahoo la noticia A identidade flexible
Añadir a Del.icio.us la noticia A identidade flexible
Añadir a Menéame la noticia A identidade flexible
Chuza esta noticia imprimir recomendar Aumentar texto Reducir texto
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade