| ||||||||||||||
Membro da ponencia de Lingua, comunicación e edición do Consello da Cultura Galega. Redactor do documento Lingua e edición da ponencia de Cultura do proxecto Galicia 2010. Foi presidente da asociación pedagóxica Nova Escola Galega (1986-88) e director da Revista Galega de Educación (1986-2000). Traballa en Edicións Xerais de Galicia dende o ano 1990, desempeñando as función de director de edicións (1990-93) e director xeral (1994 ata a actualidade). Colaborador de diferentes medios de comunicación, participou no consello de redacción d’ A Pizarra (suplemento de educación de Faro de Vigo, 1982-1986), Na escola (suplemento de educación de La Región e Atlántico diario, 1987-1989). Colaborador de Faro de Vigo, publica semanalmente, dende o mes de agosto de 1999 e de forma ininterrompida, a sección Campo de Granada, sobre actualidade socio-cultural de carácter local (512 artigos publicados).pola que obtivo o Premio Gómez Román (2000) convocado polo concello de Vigo e o espazo Campo do Fragoso de reflexión futbolística. Comentarista político da Radio Galega, mantén aberto o blog Brétemas (http://bretemas.blogaliza.org) onde realiza un seguimento de temas editoriais, literarios e políticos de actualidade. Ten dirixido a elaboración e os proxectos didácticos de máis de tres centenares de libros de texto dirixidos á educación non universitaria; deseñou e dirixe varias colección de literatura e literatura infantil e xuvenil, publicou varios libros de carácter pedagóxico, estudos sobre o estado da edición en lingua galega e o libro para primeiros lectores Dona Carme (Ir Indo edicións, 1989). Actualmente traballa na súa tese de doutoramento sobre Historia das publicacións educativas en Galicia (1900-1980).
A supresión do Decreto de Normalización Lingüística (tan minimalista, para sermos exactos) que efectos pode producir ou producirá nas editorias que apostaron por unha lingua, e unha nación que sen lugar a dúbidas é necesario normalizar de reintegrala na clara luz da historia arrebatada, por unha colonización múltipla, que deixou o pobo galego en mans dos colonizadores, dos invasores, digan o que digan os sociolinlingüistas ao abuso e ao desuso. Así Galicia, como propia, natural e de si e monolingüe, o bilingüísmo é –ao meu ver–, un factor persoal, aceptado ou non, que se estende como unha pandemia, por malas políticas lingüistas, falla de "vacinas" ‘ad hoc’, incapaces de arredar a patoloxía voraz e perversa que en vixencia significa o autoodio, autodesprezo, lingüicida e galegóbofo. Este curso semella que todo seguirá igual que o anterior, pero coa espada de Damocles a punto de caer enriba da esencia de Galicia, da nación galega. Cal é, xa que logo a reflexión, a propósito desta miña exposición que podería facer Manuel Bragado como nobre militante do idioma? Esa posibilidade de modificar o decreto de fomento do galego no ensino, reiteradamente anunciada polo actual Goberno Galego, preocúpame moito; primeiro como cidadán, logo como pai e, tamén, como editor en lingua galega. Para min é innegable que en Galicia se falan dúas linguas, que ninguén pode negar están en clara desigualdade, razón pola que o galego debe recibir unha especial protección. Este foi o grande consenso que se forxou, con tantas e tantas dificultades, nos últimos vinte e cinco anos, recollido primeiro, na Lei de normalización do oitenta e tres, e actualizado no Plan Xeral de Normalización de 2004. O actual Goberno Galego pretende abandonar ese consenso, esa casa común, engaiolado polos cantos de serea de sectores galegófobos moi minoritarios na sociedade nosa, e, quizais tamén, presionado por instancias da Dirección Nacional do PP en Xénova. Ata agora todos os datos indican que o PPdeG pretende subverter o estatuto consensuado arredor do galego. Algo que sería gravísimo, tanto para o futuro do idioma como para a propia convivencia no pais. A recuperación do consenso entre as tres forzas políticas e os sectores sociais e cívicos vencellados á lingua, á cultura e á educación, é unha tarefa ineludible para evitar que a nosa lingua retroceda por vez primeira no período autonómico. A mobilización cidadá creo que pode ser clave para conseguilo. Non teño dúbida que hai unha ampla maioría da cidadanía galega, como demostran unha e outra vez as enquisas e os estudos sociolingüísticos, que aposta polo futuro e a utilidade do galego como lingua de todos e como o primeiro patrimonio que a humanidade deixou ao noso coidado.
O Estado, o status, neste caso o español devido do Reino de Castela, e por engádega o castelán devido en español, sempre supón e transmite unha unificación negadora para as demais culturas que o conforman e ao mesmo, afástano da realidade o variedade lingüística que por imposición están obrigada a formar parte del. E a confusión que transcende ao paradoxo do Estado-Nación, patoloxía, insisto, na que as receitas "científicas", non son máis que apócemas, que a propia estandarización estatal procura destruír en ben dun idioma e negación do outro, dos outros. Cal a opinión que tes ti a respecto desta miña cavilación? Non podemos negar o éxito que tiveron os sectores galegófobos amparándose na existencia dunha suposta "imposición lingüística do galego", promovida polos sectores nacionalistas e referendada polo bipartito. Unha falsidade que, de tantas veces repetida ata o delirio por eles, semella ter calado, magoadamente, nunha parte da sociedade galega, e que oculta un modelo de monolingüismo baseado na supremacía do castelán e a consideración residual do galego apenas como lingua etnográfica. Ter gañado unhas eleccións, a verdade é que pola mínima e máis polos deméritos do bipartito ca polas propostas alternativas presentadas, non lexitima (e non deixarei de repetilo) destruír o que é unha das bases da nosa convivencia.
Sen non saír de aquí, Manuel, un coida cos estados entes ficticios que resisten e deturpan a realidade natural da historia, inventando outra atoldada, aneboada. Un Estado que conculca o inaliábel dereito á autodeterminación e polo tanto á indepencia, pódese esperar ou agardar algo realmente democrático del? Certamente, non teño dúbida que en Galicia é unha nación e ten dereito a decidir o seu futuro e as formas que os seus cidadáns escollen para exercer o seu autogoberno.
Un Estado, por exemplo, federal ou confederal, sería o mellor para a nación galega, e arredaría da democracia a antitécica monarquía? Politicamente sempre me definín como galeguista republicano. Esas luces, que prenderon naquel tempo de entusiasmo, como lle prestaba dicir a Rafael Dieste, non perderon vixencia.
Unha nova división administrativa de Galicia en función de realidades socio-economicas, e non de intereses tribais-especulativos e máis que decimonónicos devolveríanos unha Galicia moito máis consonte coa deturpada realidade actual puramente mercantilista e afastada do individuo na terra que anda e desanda? Galicia precisa unha nova ordenación do territorio e unha nova mirada sobre a paisaxe. Esta debería ser unha das primeiras revolucións a acometer, mais moito me temo que os intereses dos aparellos dos partidos parlamentarios actuais trataran de impedilo. Supoñería abandonar a división provincial (e polo tanto o modelo deputacional), apostar polas comarcas e rexións urbanas (ou áreas metropolitanas), reducir drasticamente o número de concellos, non esquecer a parroquia como módulo de convivencia no medio rural. Unha nova administración (e polo tanto, tamén, novas unidades de representación e xestión política) inevitablemente, permitiría utilizar novos criterios sobre os usos do territorio. Un novo Estatuto debería abordar esta cuestión de forma prioritaria.
Cambiemos unha migalla o terzo, se che parece. A industria editorial galega vive en precario ou polo contrario xa podemos falar dunha emerxencia continuada que vai a mais e a mellor? Nos últimos trinta anos o libro en galego multiplicou por dez o número de títulos que publica cada ano, aumentou o volume da súa tirada superando xa os dous millóns de exemplares (case un por galego). Demos un chimpo de xigante, para converternos na primeira industria cultural do país, non tanto por cifra de negocio, como pola estabilidade e continuidade da nosa actividade. Hoxe o libro galego é o pan da nosa cultura. Temos ameazas e feblezas moi importantes, como a nosa gran dependencia do sistema educativo ou as incertezas que supoñen o tránsito entre os soportes analóxico e impreso, mais, tamén, a fortaleza de sentirnos acompañados por unha sociedade de lectores e lectoras en galego. Nuca tanto se leu en galego coma hogano. Un feito sen precedentes na nosa historia literaria. Un éxito colectivo do que todos (autores, editores, libreiros, bibliotecarios e políticos da cultura) debemos sentirnos orgullosos e corresponsables.
Outravolta: falar de bilingüismo en Galicia responde a unha realidade ou é unha miraxe dos que aínda están submetidos á diversidade perversa da diglosia colonizadora? Aposto, inequivocamente, por un modelo de ensino plurilingüe, fortemente alicerzado sobre un uso preferente do galego e das novas ferramentas da comunicación dixital. É irrenunciable que todos os nosos futuros cidadáns e cidadás rematen a súa escolarización obrigatoria cun dominio semellante das competencias de comunicación lingüística nas dúas linguas cooficias. Ese marco de cooficialidade simétrica non podemos perdelo nunca de vista.
A tese na que ti traballas, ‘Historia das publicacións educativas en Galicia (1900-1980)’ correspóndese cunha idea da realidade, ou pola contra é un ensaio no cal aínda –e supoño que así o explicarás, hai baleiros produto do espolio que ti non deixarás de explicar. Cales son ou están a ser as dificultades, as secuencias deste traballo que sen dúbida terá moita repercusión no mundo pedagóxico? Mentres continúe no oficio da edición, moi dificilmente, serei quen de rematar o meu proxecto de tese. É algo que dei por perdido hai tempo, aínda que me custa moito asumilo. Gustaría de contar cun tempo do que carezo para rematar a investigación documental do noso patrimonio bibliográfico no eido educativo, sobre todo o vencellado ao agromar da idea de galeguización educativa, un proceso que tivo os seu alborexar na Segunda República, mais que se forxou nos anos do Tardofranquismo e da reforma Política. Estudar as relacións entre o nacemento dos movementos de renovación pedagóxica, as ideas de galeguización educativa e a profesionalización da edición en galego é o meu obxectivo. É Manuel Bragado un home, un ser en ‘contradictio’ cos credos, ou pola contra procura outro sentido da vida, do vivir? Actualmente non utilizo categorías relixiosas na miña vida, mais síntome debedor das crenzas que profesei na miña adolescencia, sobre as que, sen dúbida, forxei as ideas e os valores cos que me movo. Creo na construción constante do pensamento, en dialéctica permanente coas nosas lecturas e coa spersoas que nos acompañan no oficio de vivir.
A poesía é un xénero que aínda non entendemos moi ben, ou polo contrario enténdese, pero as editoriais no senso máis amplo dubidan desta formulación da palabra? Quizais resulte chocante o que vou dicir: se comparamos as cifras, comprobamos que en galego se publica porcentualmente maior número de títulos de poesía ca en castelán. Porén, continúa sendo, como o teatro, un xénero minorizado e cun número de lectores e lectoras moi reducido. Os editores galegos, que non o esquezamos defendemos o noso proxecto cultural no mercado, non podemos obviar esa realidade. Xerais vén apostando con continuidade pola edición de poesía, tanto dos autores e autoras actuais, como a recuperación dos nosos clásicos, aos que os editores non debemos nin podemos perder o respecto.
O modelo catalán, como argumentan moitos dos meus colegas, sería na actualidade o mellor para Galicia? Fas referencia, supoño, aos modelos de inmersión lingüística. O modelo galego, forxado por consenso, apostaba pola utilización do galego como lingua vehicular no cincuenta por cento das materias curriculares. Até agora foi exitoso, como demostran os bos resultados nas probas PISA dos nosos escolares e na propia Selectividade, onde o noso alumnado está por diante de comunidades exclusivamente monolingües. Creo que é necesario que se apoien os programas de inmersión con carácter experimental, o que require o apoio das familias; porén, insisto, a chave para o galego é recuperar o consenso do Plan do 2004.
Unha nación sen estado, cal é o caso de Galicia, insisto, ten posibilidades a curto ou mediano prazo... Ou pola contra é unha morte anunciada? En moi boa medida o futuro do país depende do que decidamos os galegos e galegas. Non creo nos determinismos fatais. Quen pode negar que Galicia é un país con futuro, contando coa xeración mellor formada da súa historia?
Europa das nacións ou dos pobos... Cal é a túa actitude? Europa dos cidadáns e das cidadás.
Cal é a opinión que ti tes da Consellaría de Educación baixo a titoría do PP español, e mesmo do secretario xeral de Política Lingüística? O actual secretario xeral de Política Lingüística é un profesional dunha ampla traxectoria, que merece toda a miña admiración. O éxito do seu labor político semella case imposible. As declaracións doutros responsables políticos do Goberno Galego, mesmo do propio presidente, ata agora axudaron ben pouco a restaurar o consenso e mesmo nalgunhas ocasións teñen avivecido o lume do conflito. Así como son moi crítico coa política lingüística da Consellaría de Educación, non nego que me pareceu correcto (e así xa o teño salientado noutras ocasións) o novo camiño que abre para o libro de texto, a pesar da do número claramente insuficiente de axudas directas que ofrece.
Hai na túa vida un ou dous libros de cabeceira? Hai algúns libros que me teñen acompañado toda a vida. Creo que pertencen ao ámbito do privado.
A literatura galega en xeral goza de boa saúde? Non son nin crítico nin académico para facer este tipo de valoracións xerais. É obxectivo que estamos publicando moitos títulos, sobre todo no eido da narrativo, que aos editores nos parecen excelentes. Hai varias xeracións dialogando sobre o feito literario galego. Cada vez hai maior número de títulos traducidos. O tempo axudará a decantar cales son os libros e os autores que permancerán. Fáltanos, inevitablemente, perspectiva.
Que esoutro libro que aínda non publicaches che gustaría publicar? En quince anos como editor de Xerais decidín a publicación de máis de dous mil títulos. De todos eles síntome orgulloso e responsable. Asumo, como Einaudi, que a edición é unha conversa permanente co noso tempo. A verdade é que un auténtico privilexio poder continuar alongando esa conversa.
Imos saír deste atranco lingüístico, ou proseguiremos nesta situación desalentadora? Aposto pola esperanza. Non podemos desistir, a forza do noso amor, como ensinou Novoneyra, non pode ser inútil. comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||