proxecto
A mellor confluencia
Cumio edita un libro+CD no que quince grupos actuais lles poñen música a outros tantos poemas de autores e autoras clásicos e de hoxe
REDACCIÓN . SANTIAGO
Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, co rock de Miguel A. Suárez. A xustiza pola man, de Rosalía de Castro, na versión de Nao. Ai!, do Aires da Miña Terra de Manuel Curros Enríquez, ao ritmo do rock con influencias de metal e hard rock de Meiga do Norte. Se has de chorar, de Afonso Pexegueiro, co pop electrónico de Zimmer 103. Son algunhas das propostas de Once máis 15, un libro+CD que Edicións do Cumio publicou recentemente, e que está a presentar polo país.
Quince grupos musican neste traballo poemas de once autores e autoras galegos: Rosalía, Curros, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio, Luís Pimentel, Manuel María, Darío Xohán Cabana, grupo de comunicación poética Rompente, Alfonso Pexegueiro, Antón Lopo e Daniel Salgado. Os estilos musicais son tan diversos como as poéticas: desde o rock ao pop electrónico, pasando pola canción de autor ou a fusión metaleira, folk...
"O proxecto xurdiu da asociación MusicARTE", comentou a escritora e responsable de comunicación de Cumio, María Lado. "Os grupos tiveron liberdade para escoller o autor que quixeron, por iso hai poetas que coinciden: Rosalía, Curros...", engadiu.
"Fixemos unha convocatoria aberta para todos os grupos que quixesen participar e escollemos as mellores propostas. Moitos xa enviaron o traballo producido. Se non acadaban a suficiente calidade as gravacións, regravábase... Case todas as cancións son inéditas", salientou Miguel Alonso, coordenador de Once máis 15 e presidente de MusicARTE.
Póñenlles música aos poemas do disco os grupos zimmer 103, Ataque Escampe, Fanny e Alexander, Snail, Meiga do Norte, Elanor, Nao e Miguel Alonso, Miguel A. Suárez, Xurxo Mares, Anxo Rei, Roberto Sobrado e banda, Julian Ross, David Taboada e Fucoxabier.
A iniciativa sitúase, deste xeito, na senda doutras como Rosalía 21,ou da filosofía de grupos como Fanny e Alexander, de recuperar o diálogo entre a música e a poesía iniciado hai décadas por outros, como Voces Ceibes. Tamén serve como unha pequena mostra do que se está a facer no país no panorama musical e, en especial, do traballo que están a desenvolver os grupos que forman parte da asociación MusicARTE.