xenes
¿Un sacrificio necesario?
O Nobel de Medicina Werner Arber defende que o ser humano está programado xeneticamente para prescindir dalgúns individuos e favorecer a evolución da especie
REDACCIÓN. SANTIAGO
O Premio Nobel de Medicina de 1978, Werner Arber, pai da enxeñería xenética, explicou onte que o xenoma humano inclúe xenes encargados de "sacrificar" un certo número de individuos a favor da evolución da especie humana.
Arber sinalou na súa conferencia incluída no Campus de Excelencia, que se celebra estes días na illa de Forteventura, o seu descubrimento de que no xenoma humano coexisten xenes que traballan a favor da vida, e xenes chamados "de evolución", que se encargan de sacrificar un certo número de individuos para beneficiar a evolución da especie.
Esta afirmación suporía que as enfermidades hereditarias, as mutacións somáticas como o cancro, a diversidade inmunolóxica, a resistencia ós antibióticos e a aparición de novos virus cada vez máis agresivos, serían un mecanismo biolóxico que actúa a favor da evolución, e que implica o sacrificio unha parte da especie humana. "Isto non se pode interpretar desde unha perspectiva moral como bo ou malo; isto é bo ou malo desde o punto de vista biolóxico", engadiu o investigador suízo.
A teoría da evolución molecular suxire que a evolución se dá a través de mutacións ou variacións xenéticas espontáneas. "Debemos deixar de pensar nas mutacións espontáneas como erros. Non o son. Eu resístome a crer que a evolución biolóxica se basea en erros", afirmou Arber.
Werner Arber (Gränichen, 1929) conseguiu o premio Nobel de medicina do ano 1978 xunto aos seus colegas Daniel Nathans e Hamilton O. Smith -ambos os dous da University School of Medicine en Baltimore- polo seu descubrimento das encimas de restrición e a súa aplicación na xenética molecular. Este feito supuxo o ter un potente instrumento para analizar a estrutura dos xenes e poder establecer as secuencias nas cadeas de ADN. Permitiu tamén, a nivel práctico, a produción da insulina sintética, finalizando así coa dependencia da insulina animal.
Arber é tamén un defensor acérrimo dos produtos transxénicos. O investigador considera que grazas a esta técnica, de aquí a 20 anos se poderá, por exemplo, inxerir menos cantidades de pesticidas tóxicos ou mesmo de parasitos que producen de maneira natural elementos prexudiciais para o home.
A CLAVE
Resignación primitiva
Unha vez aberta a caixa de Pandora da investigación xenética, é posible que incen complexas e extravagantes teorías sobre a selección natural, algunhas mesmo raianas coa resignaciónt máis primitiva.