U-la revolución cultural?
Silenzo de Cultura ante as críticas do sector teatral
Cultura garda silencio sobre a petición de Escena Galega para contar cun proxecto global que cumpra a promesa de transformar a realidade teatral do país
MARÉ. SANTIAGO
Mentres a consellería de Cultura garda silencio, o sector escénico segue a demandar a prometida transformación do teatro galego. Na mesma liña do comunicado feito público o luns pola asociación Escena Galega, o seu presidente, Celso Parada, reclamaba onte que a administración poña sobre a mesa "un proxecto global" que responda ás súas demandas.
O colectivo que agrupa máis de trinta compañías de teatro galego denunciou o luns que a falta de movementos por parte do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (Igaem) está a xerar "incerteza" entre os profesionais da escena galega. Celso Parada explica que "despois de tantos anos marcados por unha política teatral inmobilista, o cambio de goberno abriu unhas expectativas que despois dun ano no poder non se viron satisfeitas". Ao seu ver, "o que se espera dun goberno de esquerdas, a sensibilidade coa cultura e un compromiso co seu futuro, ten que ser traducido nun plan concreto que transforme a realidade teatral do país".
Non se trata, matiza o presidente de Escena Galega, "de que esteamos peor que antes, senón de que queremos estar mellor". Celebra por exemplo cambios como a boa disposición ao diálogo dos novos responsables políticos, pero, ao tempo, lembra que "se se quere transformar unha política teatral non bastan catro cousiñas", senón que hai que "establecer os obxectivos da transformación, o seu alcance, e discutilo cos interlocutores afectados". Reclaman pois, un proxecto completo "con metas, prazos, presupostos e, sobre todo, proxección de futuro".
No seu comunicado, a asociación Escena Galega cuestionaba tamén decisións "pouco meditadas" ou "improvisadas" do Igaem, como a desaparición dos circuítos culturais. Di Parada que este tema está xa "máis ou menos arranxado", pero que é exemplo dunha tendencia a "suprimir mecanismos antes de ter deseñado outro que o mellore". Arremeten tamén contra a baremación para a concesión das subvencións na que denuncia "graves irregularidades", e que non mellora "as arbitrariedades" do anterior.
O último exemplo da descordinada política teatral actual está para Celso Parada na mala xestión da última edición da Feira de Artes Escénicas, xa que, denuncia, "en troques de ser un escaparate representativo do teatro galego de cara ós programadores, foi organizado como un macrofestival no que se viron unhas montaxes ou outras en función dos gustos persoais dun señor".
Os profesionais da escena insisten no seu desexo de colaborar con Cultura no artellamento dun cambio global no teatro galego.
BSLSNXO
De momento, cambios puntuais
A leve transformación da Feira do Teatro, a reforma en curso da Rede de Teatros e Auditorios, ou a concesión das subvencións son os "cambios puntuais" e ineficaces que Escena Galega observa polo momento.