| ||||||||||||||
Esta triste circunstancia da LSSI aproveitouna o inefábel Ramoncín, outrora Rei do Polo Fritido, para meter nun preito unha web antiglobalización, www.alasbarricadas.org, que publicou nun foro comentarios lesivos para a honra do cantante (na sentenza todo o tempo lle chaman actor!) do tipo payaso, pedante, creído, tocapelotas ou chupacámaras. O incumprimento dos preceptos da LSSI foi o argumento esgrimido por unha acusación que conseguiu riparlles aos anarcos 6.000 eurazos que restituíronlle a integridade a Ramoncín. Flipo. A poeta Yolanda Castaño man-doulles un recado estes días aos responsábeis da web humorística Aduaneiros sem fronteiras a través do seu avogado. A caricatura que os Aduaneiros realizaron da escritora deu pé a unha serie de comentarios que, de seguro, eran inxuriosos. E calquera comprende a indignación dun inxuriado, mesmo a de Ramoncín... Máis aínda neste caso, no que eses insultos, estou certo, destilaban un noxento e rancio machismo. Só que culpabilizar os mantedores dunha páxina dos contidos vertidos nela –e exonerar os que se escudan nese anonimato para insultar– é perigoso polo feito de que impón a censura e o control como praxe cotiá dun medio, Internet, que, para ben e para mal, é aberto, universal e anónimo, libre. Ocorre que a reacción de Aduaneiros –fechar o seu portal alegando as presións da poeta e a imposibilidade de facer humor neste país– é vitimista e mesmo incríbel polo feito de que, aquí, non mediou denuncia nin querela nin acción legal efectiva por parte da poeta; si houbo unha petición, para min equivocada ou mal vehiculada, de que se retiraran os comentarios insultantes. Pero iso, acho, non xustifica a clausura, ou polo menos non a argumenta suficientemente. O que quere dicir que os Aduaneiros –aos que admiro polo seu enxeño poderoso e retranca en estado puro–, non deberían inmolarse na ara sacrificial de Yolanda; nin Yolanda –á que admiro pola construción consciente e desprexuízada, honesta, do seu mito poético–, debería reparar no que calquera rexoube no patio de veciños global. A non ser, claro, que as dúas partes, así, fiquen satisfeitas. Daquela, mellor calo. franpl@galicia-hoxe.com comentariosEscribe tu comentariowww.elcorregallego.es no se hace responsable de las opiniones de los lectores |
||||||||||||||
|
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade © 2010 www.galicia-hoxe.com
Tódolos dereitos reservados. Prohibida a reproducción total ou parcial do contido sen a expresa autorización do propietario. |
||||||||||||||